ALCALDÍA

O Concello e a Deputación asinan o convenio para a celebración da Supercopa

11/06/2018 A alcaldesa en funcións, María Rozas, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio de colaboración para o cofinanciamento dos 242.000 euros que supón o patrocinio da Supercopa de Baloncesto. Esta competición disputarase en Compostela a finais do mes de setembro.

A Supercopa Endesa 2018 disputarase os días 21 e 22 de setembro no Multiúsos Fontes do Sar. O Monbús Obradoiro xogará a competición como anfitrión, e enfrontarase ao FC Barcelona, campión da Copa do Rey; o Real Madrid, campión da Euroliga, e o Kirolbet Baskonia, clasificado a través da Liga Endesa.

A presentación da Supercopa terá lugar o vindeiro xoves 14 de xuño, ás 12:00 horas, no Concello de Santiago, nun acto que contará coa presenza do alcalde, Martiño Noriega; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director xeral da ACB, José Miguel Calleja; o director territorial de Endesa, Miguel Temboury; o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, e a concelleira de Deporte, Noa Morales.

Compartir: