ACCIÓN CULTURAL

A II Semana do Libro de Compostela chega ao seu fin este domingo

09/06/2018 A décima e última xornada da SELIC 2018 vén cargadiña de música, mesas redondas, sesións de contos, premios e poesía. Ás 13:00 horas, aCentral Folque presenta en concerto dous libros-CD’s que afondan na música de tradición oral galega: Mulleres de Gargamala e Maruxa das Cortellas. O primeiro achégase á parroquia mondarizá de Gargamala para coñecer ás súas pandereteiras e cantadeiras, e lembrar o acervo sonoro dese lugar inzado de cantigas para o baile, o traballo e a vida. O segundo versa sobre unha gran tocadora de pandeiro cadrado do país, Maruxa das Cortellas, e busca convertela en icona da musica de tradición oral para estabelecer referentes nesta contorna maioritariamente feminina e maioritariamente anónima.

Na presentación participan os autores dos volumes, a percusionista e etnomusicóloga Xulia Feixoo e o músico e investigador, Guillerme Ignacio, que unen os seus saberes para ofrecernos esta mostra entre a divulgación e espectáculo musical.

Á tarde, o Espazo Efémero acolle a presentación dos Premios SELIC de Creación Literaria 2018. Co gallo de incrementar a presenza de Compostela na literatura escrita en galego, o Concello lanza esta primeira convocatoria, que premiará obras de narrativa, poesía ou teatro que teñan a cidade de Santiago como marco da acción ou referencia fundamental da obra. Tres premios, dotados con 2.000 euros cada un, para textos inéditos que serán publicados o ano a seguir na colección SELIC. O prazo para a presentación de candidaturas está aberto dende o 31 de maio e remata o 30 de setembro de 2018. As bases dos premios están dispoñibles para a consulta no BOP (nº 101 do 30 de maio de 2018).

Ás 18:00 horas, a improvisadora oral e filóloga Alba María, e o guitarrista e pedagogo Queco Díaz, conducen Historias da tinta imaxinaria, unha sesión de contos, poesía improvisada e cantigas, que achega a todos os públicos, con especial atención aos máis pequechos, estas tres caras da oralidade galega. A programación especial para a rapazada complétase na tarde do domingo cunha nova sesión de animación de Xandobela. Ás 18:30 h, representan baixo a carpa da SELIC Quen ten cu, ten medo, unha sesión de contadas na que botan man das historias de medo da literatura infantil para que os meniños saiban afrontar esa sensación sen complexos e como algo natural: "Becho que rebufas detrás dese penedo. Vaite d’aí que non che teño medo!".

A seguir, ás 19:00 horas, Catroventos Editora presenta o volume Biodiversidade. Cara unha sexta extinción masiva. Tradución ao galego de Miguel Braña e limiar de Xosé Veiras para este libro orixinal de Sylvestre Huet (coordinador), Raphäel Billé, Philippe Cury, Michel Loreau, e Virginie Maris, un ensaio sobre ecoloxía que explora os mecanismos e ferramentas que aínda temos na man para frear a extinción do planeta. Veiras participa na sesión para conversar co público.

E para pór punto e final a esta II Semana do Libro de Compostela, a cidade convidada desta edición, Póvoa de Varzim, promove a actividade de despedida. A partir das 19:30 horas, os poetas Isaque Ferreira, João Rios e Rui Spranger deixan a carpa da Quintana e conducen un paseo literario que deita os seus versos nas rúas de Compostela e pecha até o ano que vén a SELIC.

Compartir: