PROMOCIÓN ECONÓMICA

Presentadas cinco novas empresas nacidas a partires de Equal Compostela Social

11/01/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou cinco novas empresas creadas no marco do Proxecto Equal Compostela Social. Son a axencia gráfica AG Innova, o comercio de xoiería, bixutería e complementos Andreia, a sociedade de xestión de cobros impagados A1 Cobros, a empresa de servizos de xestión cultural Darredor. Deseño cultural e a xoiería artesá Katuxa Platero Seoane.

Dende que comezou a súa andadura, en novembro de 2005, o programa Equal Compostela Social permitiu crear 23 empresas, 18 delas constituídas por mulleres e as outras cinco por homes, e outras cinco empresas están a punto de constituírse. Dezaseis firmas creáronse en Santiago, tres en Ames, dúas en Brión e outras dúas en Val do Dubra. Nestas 23 empresas inclúense as cinco que presentou Xosé Manuel Iglesias:

- AG-Innova (Axencia Gráfica Innova) foi creada por Luis Enríque Rodríguez, Situada na rúa Xeneral Pardiñas, número 9, dedícase a explotación do comercio electrónico, deseño de páxinas web, deseño gráfico orientado á publicidade e enlace con empresas de difusión nos medios de comunicación.

- Andreia é obra de Andreia Paz. No establecemento, ubicado na rúa do Vilar, número 29, pódense atopar pratos decorados, bisutería e xoias. Todas as pezas están feitas á man, moitas realízaas Andreia Paz e outras mándanllas feitas.

- A1 Cobros é unha empresa de xestión de cobros impagados constituída por Indira del Pilar Segade. Está ubicada na Vía Edison, número 19 E, e conta con dous socios traballadores. A empresa presta os seus servizos tanto a cobradores como a persoas que teñen unha débeda e precisan dun plan de financiamento á medida para pagala..

- Darredor. Deseño cultural foi creada por Flora Domínguez. Conta con dous socios traballadores e ten a oficina no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio, no Polígono da Costa Vella. Dedícase á cultura e á posta en valor do patrimonio e dos recursos turísticos. A empresa ofrece servizos de documentación e comunicación cultural, como guías turísticas, itinerarios e rutas temáticas, cartografía, etc.

- Katuxa Platero Seoane é un comercio polo miúdo de xoiería artesá de deseño exclusivo inaugurado por Katuxa Platero Seoane e ubicado no número 13 da Rúa Algalia de Arriba. Entre os produtos e servizos que ofrece figuran deseño e creación de pezas únicas de xoiería, a recuperación de pezas antigas e servizos de reparacións.

Curso de Xestión Empresarial

Os participantes en Equal Compostela Social reciben formación teórica en catro módulos: modelos de xestión empresarial, marketing, diagnose empresarial e habilidades sociais. Ademais, contan cun equipo multidisciplinar que os asesora na elaboración do seu plan de empresa.

O 22 de xaneiro finaliza o prazo de inscrición no Curso de xestión empresarial programado no marco da cuarta fase do Proxecto Equal Compostela Social. A actividade formativa ten unha duración de 180 horas, que se impartirán entre o 22 de xaneiro e o 16 de marzo en horario de nove da mañá a dúas da tarde. Está distribuído en catro módulos formativos: organización empresarial, desenvolvemento de marketing e comercialización, habilidades sociais para o emprendemento, e diagnóstico e optimización económico-financeira.

O Curso de xestión empresarial compleméntase con titorías persoalizadas onde se realiza un asesoramento individualizado, que permite analizar e concretar o proxecto empresarial das persoas que participan na formación. Contempla, ademais, a realización dun proceso de mentoring, baseado na idea de aprender a emprender emprendendo, a través dunha fase de aprendizaxe práctico. Este aprendizaxe consiste na incorporación das persoas que participan na formación a empresas xa consolidadas.

Compartir: