ALCALDÍA

O Concello recupera para o uso público unha zona verde na rúa do Olvido

10/01/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou na Casa do Concello un convenio de colaboración con Emilio-Damián Penas Gerpe, en representación da sociedade mercantil Santiago Sur.

En virtude do devandito convenio, Santiago Sur entrega á institución municipal a posesión de dous predios, ubicados na marxe leste da rúa do Olvido e que contan cunha superficie total de 1.673 metros cadrados. O convenio asinado tamén autoriza ao Concello de Santiago para que efectúe cantas operacións de urbanización, acondicionamento ou construción sexan necesarias a fin de materializar o destino urbanístico outorgado aos terreos polo planeamento aplicable.

Ámbolos dous predios atópanse clasificados como solo urbano consolidado e cualificados polo Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), aprobado definitivamente o 24 de marzo de 1997, como viario público nunha parte, e como zona verde de titularidade pública (V-31) noutra, pertencente ao sistema local de espazos libres da cidade.

Este acordo "dá unha solución definitiva para a rúa do Olvido e permitirá abrir unha praza na que desembocará esta rúa", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ademais, dixo, "supón un cambio notable para esta zona, con máis luz, con máis uso público e coa integración desta rúa coas colindantes, o que representa unha mellora da imaxe do barrio". Neste sentido, lembrou que, aberta xa a rúa de Sar e unha vez completado o proxecto, iniciarase a terceira fase da reforma desta zona.

Concello e Santiago Sur acordan a permuta dos terreos obxecto do presente convenio nos seguintes termos: Santiago Sur entrega ao Concello o pleno dominio, libre de cargas e gravames, dos terreos anteriormente descritos. Pola súa banda, a entidade municipal entrega a Santiago Sur o pleno dominio da súa participación indivisa na parcela M4.B1, adxudicada na reparcelación do SUP-6 (Santa Marta) e equivalente a 777 metros cadrados.

Compartir: