EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Certame de Danza Intercentros encheu un ano máis o Auditorio de Galicia

28/05/2018 O Auditorio de Galicia acolleu este domingo o XIII Certame de Danza Intercentros, Compostela en Danza, organizado pola Concellaría de Educación e Cidadanía. As familias das bailarinas e bailaríns participantes encheron o recinto para contemplar o froito do traballo escolar realizado ao longo do curso nesta disciplina artística. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, tampouco se quixo perder o certame.

Neste certame de promoción da danza participa alumnado de centros de Infantil e Primaria. Nesta ocasión, os bailaríns e bailarinas procedían dos CEIPs Pío XII, López Ferreiro, Arquitecto Casas Novoa, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Roxos, Vite I e Mestre Rodríguez Xixirei; e do Colexio San Xosé de Cluny. Os diferentes grupos dos oito centros participantes representaron 20 pezas de diferentes duracións e estilos.

Compostela en Danza permite a posta de longo ante o público do traballo realizado ao longo do curso nestes centros en torno a unha disciplina que resulta moi beneficiosa. Así, nas clases de danza trabállase a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección postural, a memoria, a sociabilización, a superación da timidez, a relaxación, a confianza ou a autoestima.

As profesoras Beatriz Viñal, Memé Martínez, Sonia Míguez, Patricia Alcalá, Marta Alonso, Paula Quintas, Sandra Valiñas, Antía Corujo, Beatriz Lorenzo e Jessica Montero, e os profesores Javier Magariños e Pablo Reboleiro encárganse destas clases. Segundo o centro escolar, impártense diferentes tipos de danza: pre-danza, clásica, moderna, Bollywood, moderno-teatral, jazz, neoclásica... Todas estas modalidades estiveron representadas no espectáculo deste domingo.

Compartir: