PLENO

Aprobado o novo Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións do Concello de Santiago

24/05/2018 O Pleno da Corporación aprobou este xoves o novo Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións do Concello de Santiago. O texto actualiza o vixente, aprobado no ano 1955 e modificado levemente en 1966, e faino ademais tendo en conta a Lei de Memoria Histórica. O regulamento foi aprobado cos votos a favor de Compostela Aberta, BNG e PSOE, e coa abstención do PP.

O concelleiro de Educación e Cidadanía incidiu na importancia de "actualizar un regulamento que proviña do franquismo", e agradeceu o traballo feito na comisión creada para a modificación do texto, integrada por todos os grupos da Corporación e tamén polo secretario municipal. Manuel Dios salientou que a nova redacción do texto ten dous obxectivos fundamentais: "adaptarse á normativa vixente, tamén á Lei de Memoria Histórica, e corrixir as desigualdades de xénero en materia de honras e condecoracións".

O regulamento establece cales son os títulos, honras e condecoracións que pode conceder o Concello de Santiago para premiar especiais merecementos, eliminando algunhas categorías anacrónicas que estaban previstas no anterior texto. Así, mantéñense sete distincións: alcalde/alcaldesa ou concelleiro/concelleira de honra; fillo ou filla predilecta ou adoptiva; chave de ouro de Santiago, medalla de ouro de Santiago, título de ilustre visitante, título de cidadán ou cidadá distinguida, ou cronista oficial de Santiago. Ademais, poderanse distinguir de forma honorífica a persoas, institucións ou entidades dando o seu nome a viarios municipais, establecementos, centros ou instalacións do Concello.

O texto aprobado hoxe tamén regula a composición e funcionamento do Consello Asesor de Condecoracións, no que estarán representados todos os grupos da Corporación. Os seus acordos serán sometidos ao Pleno da Corporación, e requirirán de maioría absoluta para a súa aprobación. Ademais, o regulamento rexerá outras cuestións como as declaracións de loito oficial ou os irmandamentos de Santiago con outras cidades ou vilas.

Antes da aprobación do texto, o Pleno da Corporación votou as emendas presentadas polo PP, ata un total de 19. Delas, foron rexeitadas todas aquelas nas que o Partido Popular propoñía modificar a maioría absoluta requirida para adoptar os acordos ao respecto das honras e distincións por unha maioría cualificada de dous terzos. As demais emendas foron aprobadas por unanimidade.

Mellora da accesibilidade
O Pleno da Corporación tamén aprobou hoxe, por unanimidade, unha proposición presentada polo PP sobre o desenvolvemento de medidas para mellorar a accesibilidade en Santiago, de acordo co estudo sobre barreiras arquitectónicas realizado pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. En representación de ACEM, na sesión interveu Julio Louro, que sinalou que "aínda que o Concello realizou as obras máis prioritarias en 13 puntos da cidade, agora serían precisas actuacións puntuais noutros 31 ámbitos, principalmente en zonas de gran afluencia de persoas".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que "no Plan ReVive-EDUSI está comprendida a redacción dun Plan de Accesibilidade e tamén se incluíu unha dotación orzamentaria para acometer algunhas actuacións". Ademais, apuntou que "moitas das actuacións reclamadas pola Asociación de Esclerose Múltiple xa están feitas ou previstas, como as do Campus, a rotonda de Clara Campoamor, Batalla de Clavijo, a rúa das Cancelas ou Vite". Duarte tamén sinalou que "o Concello tense posto en contacto co CHUS para reclamar a conservación e o mantemento dos viarios que son da súa competencia, así como o control do tráfico para impedir que os vehículos estacionados nas beirarrúas supoñan problemas de accesibilidade".

Outros acordos
Tamén por unanimidade, o Pleno aprobou unha proposición presentada polo BNG para incentivar o uso dos vehículos eléctricos. Por último, na sesión desta tarde recibiu luz verde unha proposición presentada polo PSOE para reclamar un reforzo dos medios humanos e materiais da Policía Local. O texto recibiu o apoio de Compostela Aberta e PP, mentres que o BNG optou pola abstención. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, aproveitou o debate para lembrar que "o Goberno ten en marcha o proceso para cubrir dez vacantes na Policía Local, todas as posibles segundo a coñecida como Lei Montoro". O edil lamentou a perda de 42 efectivos nos últimos anos, "unha cifra moi pouco aceptable para a capital galega".

Ademais, no pleno desta tarde aprobouse unha moción conxunta dos grupos municipais de Compostela Aberta, PSOE e BNG en apoio ás reivindicacións da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela sobre a falta de accesibilidade no ámbito sanitario galego. O colectivo estivo representado no pleno por José Antonio Pais Freire, que denunciou que "o Sergas rexeita asumir os custos das intérpretes da lingua de signos que acompañan ás persoas xordas nas súas citas médico, custo que ten que afrontar a Federación das Asociacións de Persoas Xordas". Na moción, Compostela Aberta, socialistas e Bloque acordaron que o Concello instará á Xunta de Galicia a que acade un acordo económico coa Federación para o confinanciamento do servizo.

Por último, esta tarde quedou aprobada a declaración institucional coa que o Concello rexeita a sentenza ditada no denominado caso da "Manada" e amosa a súa solidariedade coa vítima. A declaración xa fora presentada publicamente nun acto no que participaron as concelleiras dos catro grupos da Corporación municipal.

Compartir: