CONSORCIO

O Consorcio de Santiago remata as obras na igrexa de Santo André de Barciela

16/05/2018 No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, interveuse na igrexa de Santo André de Barciela, situada na parroquia homónima. Esta actuación, desenvolta pola empresa Obras Gallaecia S.L., contou cun orzamento global de 37.412,32 euros.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Lourdes Pérez. Sinala que a intervención centrouse na cuberta e nas fachadas do inmoble. E explica que "toda a estrutura vertical e horizontal da igrexa atopábase en bo estado de conservación. Non así a cubrición de tella, que estaba envellecida, con pezas fisuradas e rotas. Ademais, a tella da metade inferior de todos os faldróns tiña sufrido corrementos, co consecuente perigo de caer á vía pública".

A igrexa presentaba tamén problemas de filtracións da auga da chuvia polos beirados das fachadas lonxitudinais. As fachadas exteriores están protexidas con revoco en bo estado de conservación, aínda que o acabado de pintura necesitaba dunha renovación.

Por outro lado, o templo contén no seu interior tres retablos, un principal no altar e dous en posición lateral. "A madeira destes retablos estaba afectada pola couza, polo que urxía unha rápida intervención de cara á súa eliminación", indica a arquitecta.

As actuacións no templo
Na cuberta substituíuse a cubrición de tella por outra nova de características semellantes á existente. Nas fachadas exteriores do edificio aplicouse unha pintura acrílica microporosa, transpirable ao vapor de auga. E ante a afectación pola couza dos retablos, procedeuse á súa interceptación e eliminación, antes de que comezasen a afectar á estrutura de madeira do inmoble.

A igrexa de Santo André de Barciela xa cumpriu o centenario da súa construción, xa que se trata dun templo modernista construído en 1917.

Compartir: