TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade como destino de eventos e congresos en Frankfurt

15/05/2018 Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), está presente en IMEX Frankfurt, a feira profesional de turismo de reunións e incentivos, que se celebra entre o 15 e o 17 de maio. Trátase da feira especializada deste sector máis importante do mundo, con máis de 5.200 compradores profesionais e 3.500 expositores de máis de 150 países.

O SCCB participa no IMEX para promocionar Santiago como sede para eventos, congresos e viaxes de incentivos, así como para informar das últimas novidades do destino: melloras nas conexións aéreas, novos espazos para congresos, novas ferramentas para os organizadores de eventos. Na axenda do SCCB no IMEX inclúense reunións con axencias de incentivos, turoperadores, prescriptores e OPC de diversos países.

O sector dos eventos, congresos e reunións de incentivos continuará coa tendencia crecente dos últimos anos, con varios eventos de eventos de carácter internacional que reunirán na cidade a miles de visitantes, como: Prion 2018, en maio; o XII Annual Congress of the European Proteomics Association, o 40th International Conference on Environmental & Food Monitoring, e o European Dairy Farmers Congress 2018, en xuño; o 18th European Conference on Digital Government, en outubro; e o World Cadets Chess Championship, en novembro.

Compartir: