FESTAS

A Banda Municipal de Música, a Festa no Teatro e a Banda da Loba despiden a Ascensión este domingo

12/05/2018 Logo dun intenso sábado con múltiples actividades para todos os públicos, as festas da Ascensión 2018 chegan ao seu fin. Fano ao compás dunha nova xeira de sesións de microteatro para público infantil e familiar, do concerto da Banda Municipal de Música de Santiago na rúa do Vilar e da clausura do escenario Compostela é!Música coa Banda da Loba na praza do Toural.

A programación especial para público infantil e familiar no Teatro Principal arranca de novo o domingo ás 11:30 horas con catro sesións de microteatro. Babamor, de Larraitz Urruzola, recolle historias creadas e contadas por mulleres en moitas familias grandes e pequenas, diversas e envoltas en toneladas de cariño. Ollos que miran a outros ollos, cóxegas e paseos por xardíns de bolboretas. Nesta ocasión farannos saber do acontecido con Martín e as montañas na cama, nun contiño onde se aborda a sexualidade con moitísimo humor, naturalidade e a dose xusta de tenrura. A peza Unha bela e unha besta diferentes, de Ana Carreira, conta a historia dunha moza que se volve fermosa e até atopa o amor grazas á besta que o seu pai lle regala pero que, mesmo así, non acada a felicidade. En Unha viaxe no tempo: as cavernas, Os Ghazafelhos exploran como se vivía na prehistoria a través das peripecias da doutora Monsilia Brimini, a científica máis grande da historia, que consegue artellar unha máquina do tempo para nos trasladar ao mundo dos cavernícolas. Para rematar, Charo Pita narra como A Pitiña Cocoricoricó sae á procura do desaparecido arco da vella para volverlle o sorriso á lúa.

O último concerto desta programación chega da man de Magín Blanco co espectáculo Gatuxo. Ás 13:00 horas comeza esta actuación que nos presenta a evolución dun bebé, reflectida nas súas rutinas diarias. Grandes aventuras como aprender a comer só, descubrir a risa, comezar a gatear, emitir os primeiros sons e verbas, xogar, dar os primeiros pasos ou bailar. Gatuxo é un espectáculo onde se fusionan as artes, a música, as cantigas, o teatro, os contos, o clown, a manipulación de obxectos ou o claqué, todo interpretado en directo por tres músicos a dúas voces e unha actriz, dirixido a crianzas de 0 a 5 anos e aos seus familiares acompañantes.

Todas as actividades son de balde. Quedan apenas unhas poucas invitacións para as sesións de microteatro, pero aínda é posible asistir ao espectáculo musical Gatuxo, que é de acceso libre até completar aforo.

Banda Municipal de Música de Santiago
Tras o ansiado concerto conxunto coa Real Filharmonía de Galicia deste venres, que encheu as butacas da Sala Ángel Brage do Auditorio, a Banda Municipal de Música de Santiago cumpre coa súa cita dominical para ofrecer un novo concerto da programación das festas. Desta volta, será ás 12:00 horas na rúa do Vilar, cun programa que inclúe o pasodobre Lugo-Ferrol, de Gregorio Baudot; o Grand Finale do segundo acto da ópera Aida, de Giuseppe Verdi; unha selección de zarzuela de El barberillo de Lavapiés, de Francisco A. Barbieri; unha escolma do West Side Story de Leonard Bernstein, e a rapsodia galega Follas Novas, de Luis Brage. Será de balde e dirixido por Casiano Mouriño.

A Banda da Loba no Toural
A música da Banda da Loba será a encargada de clausurar o escenario Compostela é! Música nestas festas. A súa actuación terá lugar ás 20:00 horas na praza do Toural e, en caso de choiva, trasladarase ao Teatro Principal. A formación creada en 2016 e composta por Xiana Lastra (voz), Andrea Porto (guitarra e baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (batería e percusións), toma o seu nome da lendaria figura de Pepa a Loba, nunha clara mensaxe polo empoderamento feminino. O seu son bebe de estilos diversos, entre o rock, o pop e o folk, e nas súas letras topamos poemas propios, célebres versos de autoras e autores que musican, e composicións que agroman dos textos de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.

Presentan temas do seu primeiro disco, Bailando as rúas, editado no Nadal de 2017 coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras, e traen tamén un tema novo "Anagnórise", inspirado da obra de María Victoria Moreno. Música con "M" de Muller, como elas describen, para pór o broche final ás festas de Compostela.

Compartir: