NADAL

Os Reis Magos non faltaron á súa cita nunha cabalgata máis integradora que nunca

06/01/2007 A tradicional Cabalgata de Reis percorreu un ano máis as rúas, onde os nenos e nenas de Compostela agardaban ás súas Maxestades. Foi de novo un evento cheo de colorido, ilusión e moitos caramelos. Ademais, este ano o desfile foi máis integrador que nunca, coa activa participación do colectivo inmigrante da cidade.

Os Reis Magos chegaron á Estación do Tren arredor das 18:00 horas e alí foron recibidos por algúns membros da Corporación e pola Banda Municipal. Logo repartiron saúdos e caramelos ao longo do percorrido que os levou por diversas rúas compostelás en dirección á Praza do Obradoiro. ".

A cabalgata estaba integrada por 230 figurantes e 10 carrozas. Delas, destacou a "carroza das culturas", coa que os colectivos de inmigrantes da cidade quixeron unirse á celebración. Africanos, ecuatorianos, rumanos ou uruguaios, ataviados nalgúns dos casos cos seus traxes nacionais e tocando música dos seus países, invitaron aos composteláns a ver a realidade dende os seus ollos.

Xa en Raxoi, os Reis Magos foron recibidos pola Corporación municipal e saíron aos balcóns a saudar. Melchor dirixiuse aos presentes, con intérprete para xordos incluído, e, a continuación, os tres Reis recibiron a todos os nenos que se achegaron a facer as súas peticións de agasallos.

Compartir: