ALCALDÍA

Luz verde ao novo complexo docente do Colexio Manuel Peleteiro

05/01/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo anunciou as liñas do proxecto que permitirá substituír as actuais instalacións do Colexio Manuel Peleteiro por outras no Monte Redondo, en Montouto. O novo complexo comprende un ámbito de actuación de 68.822 metros cadrados e un investimento de 21 millóns de euros.

O Plan especial de equipamento docente no Monte Redondo será aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do luns 8. Logo do período de exposición, a aprobación definitiva quedará para finais do mes de marzo. Deste xeito, o alcalde estimou que nun prazo de dous anos, a principios de 2009, poderá estar listo o novo complexo para que se efectúe o traslado dende as instalacións actuais no centro da cidade.

Esta operación recibiu o impulso definitivo o pasado 29 de decembro, data en que os terreos do actual colexio pasaron a mans da Corporación Caixa Galicia, que terá agora que presentar o proxecto para a zona. O mesmo aparece acoutado en canto o seu deseño e volumes no seu Plan espacial, que recolle, entre outras obrigas, que terá un mínimo de 10.000 e un máximo de 12.000 metros cadrados para uso terciario. Entre outras dotacións, terá un espazo para aparcadoiros e unha área residencial comunitaria por determinar.

O novo complexo docente de Montouto contará con tres módulos diferenciados para infantil, primaria e secundaria. Complétase con outras dotacións comúns, coma un salón de actos, un ximnasio, residencias masculina e feminina, un polideportivo e outras aulas e servizos complementarios. Trátase dunha especie de campus da educación chamado a ser "unha referencia en toda Galicia", segundo indicou Sánchez Bugallo.

Compartir: