EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

Os inmigrantes únense á Cabalgata de Reis e invitan aos composteláns a ollar o mundo cos seus ollos

04/01/2007 O programa Nadal Solidario chega ao seu fin coas actividades previstas para o día 5. Este día, o colectivo de inmigrantes de Compostela participará activamente na Cabalgata de Reis e noutras iniciativas que invitan aos composteláns a ver o mundo dende outra perspectiva.

"Amosa a túa mellor cara, eu tamén veño de fora. Acólleme" é o lema que se poderá ler nas caretas que se repartirán dende a mañá nas carpas situadas nas prazas de Cervantes, Toural, Pontevedra, Galicia e Praza Roxa. Os nenos poderán escoller entre a careta de Gaspar, Melchor ou Baltasar e converterse así no cuarto rei, neste caso no rei da acollida, como indicou a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, na presentación destas actividades.

Na Praza do Toural e na Praza Roxa, a partir das 11:00 horas, todos os maiores están tamén convidados a empaquetar os regalos cun papel especial feito para esta campaña do Nadal Solidario e por unicamente 50 céntimos de euro. Este diñeiro unirase a todo o demais recadado, que logo se destinará aos proxectos de cooperación gañadores do concurso que se convocará entre as asociacións de inmigrantes.

E como punto culminante, a Cabalgata de Reis, na que o colectivo de inmigrantes participará coa chamada "Carroza das Culturas". Nela inmigrantes africanos, ecuatorianos, rumanos, uruguaios e de países islámicos desfilarán ataviados cos seus traxes tradicionais e tocarán as súas músicas. É a primeira vez que o colectivo de inmigrantes de Compostela participa na Cabalgata e unha invitación a que a sociedade tamén mire cara eles e a súa realidade.

Compartir: