CONSORCIO

A RFG tocará este sábado parte da suite de "A Guerra das Galaxias" nun concerto familiar que servirá para apoiar a Down Compostela

17/04/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra este sábado un novo concerto dentro do proxecto RFG Solidaria, centrado na colaboración con varias ONGs galegas e da cidade que loitan pola defensa da infancia. Este concerto familiar estará dedicado a visibilizar o traballo que realiza a Fundación Down Compostela.

A cita, que forma parte do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, comezará ás 12:00 horas no compostelán Auditorio de Galicia. Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. Os que vaian disfrazados dalgún personaxe da Guerra das Galaxias entrarán gratis.

Baixo a batuta de Paul Daniel, os músicos tocarán extractos da suite de A Guerra das Galaxias, de John Williams (1932), compositor das máis populares bandas sonoras da historia do cinema. A obra comeza co tema central da saga, considerado pola crítica e o público como un dos mellores temas cinematográficos de todos os tempos, sendo a música que abre cada unha das películas da saga.

Contarase coa asistencia da Tropa Korriban Star Wars Galicia, a única asociación galega de seguidores da saga, unha agrupación integrada por medio centenar de fans que naceu no ano 2010. Participarán no concerto caracterizados de soldados imperiais e doutros personaxes de [em[A Guerra das Galaxias.

O público terá ademais a oportunidade de gozar cunha selección de Os Planetas, de Gustav Holst (1874-1934). Trátase dunha suite de sete movementos, a cada un dos cales o compositor lle deu o nome dun planeta e a súa correspondente deidade na mitoloxía grecorromana: Marte, o portador da guerra; Venus, o portador da paz; Mercurio, o mensaxeiro alado; Xúpiter, o portador da alegría; Saturno, o portador da vellez; Urano, o mago; e Neptuno, o místico.

A Fundación Down Compostela presta servizo a máis dun centenar de familias
Dende a Fundación Down Compostela, que preside Juan Martínez, valórase a importante función da música para as persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. A Fundación, que este ano conmemora o seu 21º aniversario, presta servizo na actualidade a máis dun centenar de familias, ás que acompañan desde que nacen os nenos ata que chegan á idade adulta. Na etapa da infancia axudan á familia para habituarse á súa situación, estimúlase aos nenos a través de programas de atención temperá e trabállase na súa integración familiar, social, escolar e laboral.

Compartir: