CULTURA

A Filharmonía amplíase para tocar Gershwin e Bernstein nun Concerto de Reis benéfico

03/01/2007 O venres 5 de xaneiro, as dez da noite, o Auditorio de Galicia acolle un concerto que ten por protagonista á infancia. Nun día tan especial para os cativos como é a véspera de Reis, a RFG quere colaborar con UNICEF, destinando o importe íntegro da recadación do concerto á campaña "Unidos pola infancia. Unidos contra a SIDA". Ademais habilitarase unha fila cero para todos aqueles que queiran colaborar coa campaña, pero non poidan achegarse ata o Auditorio.

O Concerto de Reis da Filharmonía será dirixido pola francesa Mélanie Thiébaut, unha das mellores directoras de orquestra do panorama internacional. Dirixe regularmente diferentes orquestras, entre as que sobresae a Nacional de Lille ou a Hong Kong Philharmonic Orchestra. Thiébaut acaba de triunfar na súa cidade, París, dirixindo o Lago dos Cisnes de Matthew Bourne.

A obertura de Semiramide, a última ópera composta por Rossini, abrirá o concerto. A continuación a Filharmonía interpretará tres danzas de On the town, de Bernstein, todo un clásico do musical. Foi levado ao cine baixo o título Un día en Nova Iorke, con Gene Kelly e Frank Sinatra.

Pola súa banda, Daniel Ligorio, un dos xoves pianistas de máis proxección do panorama nacional, interpretará a Rapsodie in blue de Gershwin. É unha das primeiras obras en empregar ritmos e melodías do jazz, e de grande espectacularidade no piano e na orquestra.

Rematará a noite o amor apaixonado de Carmen, ópera que Bizet estreou pouco antes da súa morte, polo que non chegou a coñecer o éxito que alcanzou.

Compartir: