EMPREGO

Recuperada a Fonte da Virxe da Cuncha, orixe do barrio de Conxo

17/04/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, asistiu esta mañá á posta de novo en funcionamento da Fonte da Virxe da Cuncha, recentemente recuperada grazas aos traballos do obradoiro de emprego Ecotur III. Goza dun gran valor patrimonial e histórico e dábase por perdida pola veciñanza.

A histórica Fonte da Virxe foi un lugar de devoción secular xa documentado en 1637 por Tirso de Molina e, "segundo os estudos apúntase a que foi a orixe do barrio de Conxo", tal e como sinalou a concelleira Marta Lois. Na posta en funcionamento da fonte estiveron presentes veciños e veciñas do barrio que lembraban a fonte antiga de mediados de século pasado e o Padre José de Conxo, quen cualificou a recuperación da fonte como "un feito de suma importancia, porque resalta un acontecemento histórico como foi a orixe do barrio e tamén aquí foi onde estivo a primeira ermida".

Pola súa banda, o editor Quique Alvarellos quixo poñer de manifesto que "a fonte que hoxe inauguramos é a fonte orixinal, cun manancial localizado a tres metros baixo terra". O que non se mantén da fonte primixenia son dous arcos que procedían do claustro románico do século XII, que volveron ser recolocados no Mosteiro de Conxo.

A fonte ten ademais moita relación cos Camiños de Santiago, fundamentalmente do Camiño portugués, posto que os peregrinos e peregrinas saían de Santiago por Conxo para dirixirse a zona de mar e abandonar Galicia tras a súa peregrinación.

Compartir: