CONSORCIO

A Real Filharmonía estrea dúas obras encargadas aos compositores galegos Jacobo Gaspar e Antón Alcalde

16/04/2018 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos no Auditorio de Galicia. O primeiro será o venres 20, ás 20:30 horas. E o sábado, ás 12:00 horas, repetirase parte do concerto de abono para o público máis novo e para as familias dentro do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. En ambas as citas levará a batuta o director titular da agrupación, o mestre Paul Daniel.

O concerto do sábado servirá para dar visibilidade á Fundación Down Compostela, dentro do proxecto RFG Solidaria, que a Real Filharmonía de Galicia puxo en marcha hai dúas tempadas, e contarase coa asistencia da Tropa Korriban Star Wars Galicia. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

O concerto de abono do venres estará centrado no Universo, reforzando o lema desta tempada da RFG: "Un Universo en expansión". Na cita soará a suite da Guerra das Galaxias de John Williams (1932), compositor das máis populares bandas sonoras da historia do cinema. A obra comeza co tema central da saga, considerado tanto polos críticos como polo público como un dos mellores temas cinematográficos de todos os tempos, sendo a música que abre cada unha das películas da saga.

O compositor galego Jacobo Gaspar propón unha viaxe ao centro da Vía Láctea
A orquestra estreará ademais dúas obras de compositores galegos, escritas por encargo da Real Filharmonía de Galicia. Trátase de Vía Láctea. Haiku espiral, de Jacobo Gaspar (Mos, 1975) e … that pale blue dot, de Antón Alcalde (Rianxo, 1992).

Vía Láctea. Haiku espiral foi composta en 2018. Tal como explica o seu autor, "cando lemos un pequeno poema, como pode ser un haiku, sentimos un abismo similar ao que nos invade cando reparamos nas dimensións do cosmos. Paradóxicamente, a Vía Láctea podería ser algo así como un pequeno haiku na inmensidade do Universo. A nosa galaxia, ademais, posúe unha forma espiral formada por catro brazos principais e un buraco negro no centro que, pola súa perfección, ben parecería irreal; igual que nos parece irreal a máxica perfección da natureza". Así, esta obra propón unha viaxe ao centro da Vía Láctea, "delineado por un trazo en forma de espiral que reflicte tanto as zonas luminosas como as que se nos presentan escuras ou ocultas dende a nosa posición no espazo. Este trazo desemboca nun buraco negro no que, a medida que nos aproximamos, o tempo transcorre cada vez máis lentamente. Un espazo propicio para a inmersión sonora e o sentimento oceánico", destaca Jacobo Gaspar.

O compositor Antón Alcalde ponlle música ao planeta Terra
Pola súa banda, … that pale blue dot (…ese punto azul pálido), de Antón Alcalde, ponlle música ao planeta Terra. Tal como explica o compositor galego, "o título extráese dunha reflexión do icónico astrónomo americano Carl Sagan e fai referencia a unha fotografía da Terra tomada pola sonda Voyager I en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros, aludindo á responsabilidade do ser humano de tratar con amabilidade e preservar ese punto azul pálido, o único fogar que coñecemos.

O compositor indica que a obra pretende "percorrer sonicamente toda esa distancia en apenas 3 minutos de duración, movéndose constantemente entre dous polos gravitatorios (Mi e Fa) correspondentes aos sons que produce a Terra no seu movemento de translación ao redor do Sol, transcritos polo astrónomo e matemático alemán Johannes Kepler no seu tratado Harmonices mundi en 1619".

Os Planetas, coas voces do Coro Gaos
A orquestra tocará tamén Os Planetas, de Gustav Holst (1874-1934). É unha suite de sete movementos, a cada un dos cales o compositor lle deu o nome dun planeta e a súa correspondente deidade na mitoloxía grecorromana: Marte, o portador da guerra; Venus, o portador da paz; Mercurio, o mensaxeiro alado; Xúpiter, o portador da alegría; Saturno, o portador da vellez; Urano, o mago; e Neptuno, o místico. É unha obra escrita para voces femininas na parte de "Neptuno", que interpretará o Coro feminino Gaos, integrado por 21 voces.

Charla previa co director Paul Daniel
Antes da celebración do concerto de abono do venres, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: