LINGUA

Teatro, danza e contos na programación de abril do programa Apego

13/04/2018 O programa Apego continúa propoñendo actividades en galego para os/as máis pequenos/as da casa e as súas familias. Neste mes de abril haberá teatro, danza, contos e dúas actividades medioambientais.

O calendario de actividades arrinca o vindeiro martes 17, ás 17:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche con Baila Roque baila!, un espectáculo de teatro dinámico, divertido e participativo onde teñen cabida os contos e os bailes. Andrea Bayer, de Baobab Teatro, encárgase desta proposta, dirixida a nenos e nenas de 1 a 6 anos.

Na mañá do sábado 21 haberá dúas propostas. A primeira delas, no marco da XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura, é Do berce á lua, a exitosa sesión de contos baseados na colección de libros infantís da editorial Kalandraka. Están previstas dúas quendas na Galería Sargadelos, ás 11:30 e ás 12:30 horas, para as que cómpre reservar praza a través dos teléfonos do Departamento de Educación: 981 554 400/401.

Noutro punto da cidade, no parque de Belvís e tamén ás 11:30 horas, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) acollerá un Obradoiro de iniciación á ornitoloxía. Os/as participantes coñecerán aspectos básicos da ornitoloxía e aprenderán a observar e identificar as aves e as súas características principais, onde viven, como viven, que comen…, e a ser conscientes de que as aves tamén xogan un papel vital nos ecosistemas urbanos. Este obradoiro está dirixido a persoas a partir dos 8 anos e a inscrición debe facerse chamando ao 981 543 145 ou enviando un correo a ciac@santiagodecompostela.gal.

Os contos volven o martes 24 ás 17:30 horas, pero nese caso ao CSXM do Ensanche. En Contos para bebés, de Pavís Pavós, escoitaremos pequenas historias apropiadas para as primeiras idades que falan das cousas cotiás, enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede. As cores, as formas, os sons, o xogo e o ritmo serán o eixe da actividade, destinada a nenos e nenas ata 3 anos. A inscrición debe facerse entre o 16 e o 19 de abril, por correo a dlg@santiagodecompostela.gal.

O CIAC ofrece outra actividade o sábado 28 a partir das 11:30 horas. Trátase do roteiro interpretativo que cada mes se realiza polas Brañas do Sar. A partir dos 9 anos, calquera se pode sumar de balde a esta andaina, se ben é preciso inscribirse chamando ao teléfono 981 543145 ou enviando un correo a ciac@santiagodecompostela.gal.

Gaia, de Entremáns
A programación do Apego do mes de abril péchase ese mesmo sábado 28, ás 18:30 horas, no Teatro Principal, coa posta en escena de Gaia, espectáculo de danza da compañía Entremáns. Gaia é un percorrido singular no que a pintura, a música, o audiovisual e a danza nos axudan a descubrir e comprender a intensidade, o poder e a beleza das características do noso planeta e os seus tesouros naturais. Unha historia en movemento para descubrir as características da terra, os mares e a atmosfera, así como a interacción entre as persoas e o medio ambiente.

As entradas para este espectáculo están á venda en entradas.abanca.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado + días de evento, de 18:00 a 21:00 horas), a un prezo de 4 euros, se ben se pode adquirir tamén o bono familiar a 12 euros (4 entradas).

Direcciones relacionadas



Compartir: