MEDIO AMBIENTE

Santiago liderará coa Tropa Verde unha das redes de transferencia do programa europeo Urbact

11/04/2018 Santiago liderará unha das 25 redes de transferencia do programa europeo Urbact, de intercambio e aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado. Farao a través do proxecto Tropa Verde, que a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia ten impulsado en colaboración coa empresa Teimas Desenvolvemento.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta hoxe da selección de Santiago para liderar a Transfer Network de Urbact, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Marta Morán, responsable do programa Tropa Verde, e Ricardo Vila, socio-fundador da empresa Teimas Desenvolvemento. Xan Duro mostrou a súa satisfacción pola designación de Compostela como líder dunha das 25 redes do Urbact, "unha decisión que volve avalar o bo funcionamento da Tropa Verde, que vén recibindo numerosas distincións dende a súa posta en marcha". De feito, lembrou Xan Duro, "A Tropa Verde recibiu o premio Boa Práctica de Urbact, nun encontro celebrado en Tallin (Estonia) no pasado mes de outubro".

Redes de Transferencia
Ao abeiro do programa Urbact creáronse 25 redes de transferencia, cada unha delas integrada por tres cidades. No caso da liderada por Santiago, formarán parte do grupo Budapest (Hungría) e Dimos Pavlou Mela (Grecia). Nunha primeira fase, a rede deberá explorar as condicións e requisitos para a transferencia exitosa do proxecto da Tropa Verde no contexto local das outras cidades, e definir a metodoloxía para facer esa transferencia. Ademais, deberán buscar novos socios, co obxectivo de chegar a un mínimo de cinco e un máximo de 8.

Das 25 redes de transferencia, cinco estarán lideradas por cidades españolas, en concreto por Hospitalet de Llobregat, Viladecans, Badalona e Xixón, ademais de Santiago. Outras sete cidades do Estado estarán integradas nalgunha das redes de transferencia de Urbact.

Proxecto Urbact
Urbact é un programa europeo de intercambio e aprendizaxe que promove o desenvolvemento urbano sustentable e integrado, englobando 550 cidades, 29 países e 7000 axentes locais activos. Financiado conxuntamente pola Comisión Europea (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional) e os Estados Membros, Urbact facilita que as cidades europeas traballen de forma conxunta no desenvolvemento de solucións efectivas e sustentables para os principais desafíos aos que se enfrontan, compartindo boas prácticas e a experiencia adquirida e integrando dimensións económicas, sociais e ambientais. No conxunto do Estado foron 17 as cidades recoñecidas por Urbact polas súas boas prácticas, pero só a Tropa Verde abordaba a temática do medio ambiente.

Compartir: