FESTAS

Os Reis Magos repartirán 2.500 quilos de caramelos

03/01/2007 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou as actividades previstas con motivo da Cabalgata de Reis. As súa Maxestades chegarán un ano máis en tren, dando paso a un multitudinario percorrido no que participarán 230 figurantes e 10 carrozas.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán pouco antes das 18:00 á Estación do Tren, onde serán recibidos por algúns membros da Corporación e pola Banda Municipal. A continuación percorrerán as rúas compostelás. Seguirán o seguinte percorrido: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Praterías e Praza do Obradoiro. Durante o percorrido repartiranse caramelos, que serán sen glute, para que así os poidan tomar os celíacos. En total, repartiranse 2.500 quilos de caramelos.

Os Reis Magos chegarán sobre as 19.00 á Praza do Obradoiro. Dende alí dirixiranse pouco despois ao Pazo de Raxoi, onde serán recibidos pola Corporación Municipal. E trala saída ao balcón para saudar e unhas palabras de Melchor, as súas Maxestades atenderán as solicitudes de todos os nenos e nenas. As persoas xordas tamén poderán recoller as palabras de Melchor grazas á presenza dun intérprete.

Entre as novidades deste ano cómpre destacar que a Cabalgata únese ás actividades do Nadal Solidario, polo que unha das carrozas estará composta por xente procedente doutros países, ataviados cos seus traxes e tocando a súa música.

Con carácter previo, hai que lembrar que o carteiro real estará os xoves 4 na Praza do Toural, ás 18:00 horas, e posteriormente na Praza Roxa, ás 19:30 horas.

Compartir: