EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A campaña municipal de animación á lectura cumpre 18 anos fomentando a literatura entre os/as escolares de Compostela

03/04/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá a décimo oitava edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura que comeza o 3 de abril e finalizará o 5 de maio. Na rolda estivo acompañada da directora do departamento de Edición e coordinadora de animación á lectura de Kalandraka, Manuela Rodríguez.

Nesta ocasión o eixo da campaña é "A horta de Simón", título gañador da X edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. A campaña darse a coñecer na tarde deste martes, ás 18:30 horas, ao profesorado dos centros educativos de Santiago.

Manuel Dios destacou a "importante acollida e repercusión desta iniciativa municipal, que nos anima a seguir traballando, dando continuidade a novas propostas educativas que tanta aceptación teñen nas bibliotecas, nas librarías, entre as nenas e nenos, nas familias e entre a cidadanía de Compostela; pero sobre todo, na comunidade educativa, especialmente no profesorado que participa activamente cada ano, contribuíndo a achegar a lectura aos nenos e nenas".

Obradoiros
Dentro das actividades previstas destacan os obradoiros de ilustración, con Óscar Villán, que achegarán aos máis pequenos e pequenas o proceso de creación, valorando as producións plásticas como ben cultural e acto de comunicación. Están dirixidos a nenos e nenas do segundo ciclo de educación primaria.

Tamén haberá sesións de contacontos con visitas guiadas á exposición instalada na Galería Sargadelos, dirixidas a nenos e nenas de infantil e de primeiro e segundo de primaria, e previstas do 4 ao 23 de abril. Ademais, realizaranse obradoiros de escrita creativa, buscando igualmente achegar a cativanza ao proceso de creación.

Os nenos e nenas de 0 a 3 anos tamén se poden familiarizar coa lectura grazas á sesión de contos para bebés "Do berce á lúa", que terá lugar o vindeiro sábado 21 de abril ás 11:30 e 12:30 horas. Cómpre reservar a actividade, xa que as prazas son limitadas.

Na Galería Sargadelos haberá unha exposición onde se poderá admirar o traballo da autora de A horta de Simón, Rocío Alejandro, e outras mostras da "diversidade de estilos e técnicas artísticas que conforman o álbum ilustrado galego", tal e como sinalou Manuela Rodríguez, quen definiu esta campaña como unha forma de "achegar o neno ao álbum ilustrado nun edificio emblemático".

Obxectivos
Esta iniciativa, que vai xa pola XVIII edición, quere achegar a lectura aos nenos e ás nenas, ao mesmo tempo que se crea un clima agradable e motivador que favoreza a escoita e o poder da palabra como elemento evocador. Ademais, dende o Departamento quérense promover as tradicións e expresións orais en lingua galega como vehículo do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.

XI Premio Internacional Compostela
No marco da XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura vén de convocarse o XI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cuxo prazo de envío de traballos rematará o 14 de maio. Está aberto á participación de autores e ilustradores de todo o mundo que presenten obras orixinais e inéditas escritas en calquera lingua oficial da Península. O fallo do xurado coñecerase na última quincena de xuño e o premio consistirá na publicación do traballo distinguido nas cinco linguas peninsulares, ademais de 9.000 euros como adiando por dereitos de autor.

Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de traballos presentados supera os 3.000 proxectos, procedentes de numerosos países. Cerca, Un gran soño, A familia C, A viaxe de Olaf, Bandada, Mamá, Ícaro, Despois da chuvia, Unha última carta e A horta de Simón foron as obras premiadas polo xurado, do que teñen formado parte figuras tan destacadas da literatura infantil como Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Calatayud ou Emilio Urberuaga.

Documentos relacionados



Compartir: