MEDIO AMBIENTE

O Goberno presenta unha proposta alternativa para a construción da nova EDAR

16/03/2018 O Goberno local vaille remitir a Acuaes e a Augas de Galicia unha proposta alternativa para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais, despois de que o Pleno da Corporación rexeitara onte a aprobación do convenio da EDAR do Souto. O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentaron hoxe os detalles do proxecto, que aposta pola localización das instalacións na mesma parcela que acolle a actual depuradora da Silvouta. A proposta tamén lle foi facilitada esta mañá aos grupos da oposición.

O alcalde explicou que o Goberno "vén traballando nos últimos meses nunha proposta alternativa para a construción da EDAR, dende o convencemento de que é posible solucionar o vello problema ambiental que ten Compostela sen provocar un grave impacto nun espazo como O Souto e sen renunciar aos fondos europeos comprometidos para a actuación". Martiño Noriega explicou que a proposta presentada hoxe está avalada por Juan Lema e Juan Garrido, catedrático e profesor titular, respectivamente, do Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago.

A alternativa presentada polo Goberno pasa pola ampliación da capacidade da EDAR da Silvouta mediante a utilización da tecnoloxía granular aerobia, unha alternativa que, segundo apuntou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, "ten unha alta potencialidade para o tratamento das augas residuais urbanas e require instalacións de dimensións moito máis reducidas ás doutras tecnoloxías de depuración". Xan Duro incidiu en que, con este sistema, "sería posible construír a nova depuradora na Silvouta sen interromper o funcionamento da actual infraestrutura".

Construción en fases
O plan presentado polo alcalde e polo concelleiro de Medio Ambiente contempla tres fases diferenciadas para a posta en marcha da nova depuradora, sen afectar ao funcionamento da actual. Na primeira etapa construiríase unha planta biolóxica que trataría a metade da auga residual que chega á EDAR en tempo seco, cunha superficie estimada de 1.500 metros cadrados e cunha capacidade de depuración idéntica á da actual depuradora. A instalación podería localizarse nuns terreos que forman parte da finca da actual EDAR, pero que quedan fora do seu límite perimetral e do seu valado.

Na segunda fase dos traballos, procederíase a demoler parte da actual EDAR para proceder á construción doutra planta biolóxica, tamén de 1.500 metros cadrados. Con esta parte en funcionamento, a capacidade de depuración sería xa a prevista no anteproxecto do Souto.

Por último, unha vez operativa esa segunda planta, poderíase demoler outra parte da actual EDAR e construiríanse as instalacións do novo tratamento primario e dixestor de lamas, que ocuparían unha superficie duns 500 metros cadrados e que virían a mellorar a capacidade de depuración da infraestrutura, "pensando sobre todo en días nos que haxa picos de grandes chuvias".

Menor impacto e menor custo
A tecnoloxía de granulación aerobia de lamas precisa dun único equipo, e "permite prescindir das voluminosas unidades de decantación secundarias características dos procesos de lodos activos utilizados na maioría das depuradoras de Galicia, incluída a de Santiago". O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia incidiu en que este aspecto facilita "unha ocupación de terreo ata catro veces menor que as das depuradoras tradicionais, unha maior rapidez na construción da infraestrutura, e un aforro económico que podería oscilar entre o 30 e o 50 por cento". As estimacións iniciais falan de que o custo da depuradora "podería pasar dos case 70 millóns previstos para O Souto a uns 40 millóns de euros". O custo de mantemento tamén sería moi inferior aos dos modelos de depuradora analizados ata o de agora.

En canto aos prazos, Xan Duro apuntou que "os expertos da USC prevén que o conxunto da nova EDAR podería estar construído nun prazo máximo de tres anos", e incidiu tamén en que "a proposta do Goberno poderíase executar sen necesidade de tramitar un novo Estudo de Impacto Ambiental, ou cando menos cun Estudo de Impacto Ambiental simplificado que podería estar resolto en tres meses". Tamén se axilizarían outros trámites administrativos, "porque nin sequera serían precisas novas expropiacións de terreo".

Proposta de cidade
Antes de presentar a alternativa para a construción da EDAR en rolda de prensa, o alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia déronlle a coñecer os detalles da proposta aos grupos da oposición, nunha xuntanza na que tamén participou o profesor Juan Garrido. Na reunión, o alcalde lanzoulle o ofrecemento a PP, PSOE e BNG para que "analicen a proposta e, se a consideran acaída, participen nas xuntanzas coas outras administracións implicadas na construción da infraestrutura para que esta sexa unha proposta de cidade".

Toda a información ao respecto da proposta da nova depuradora da Silvouta seralle remitida hoxe mesmo a Augas de Galicia e a Acuaes, solicitando ao tempo unha xuntanza de traballo técnico-político para analizala.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: