DEPORTE

Preto de 300 escolares participarán este sábado na Concentración de Escolas Galegas de Rugby

14/03/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá a concentración de escolas de rugby de Galicia, que terá lugar este sábado en Santa Isabel. Na rolda estivo acompañada por Betty Álvarez, presidenta da Asociación Valentes; María Esperanza Fernández, representante do CDU Rugby Santiago Veteranos, e José Pérez de Vallejo, presidente do Santiago Rugby Club.

Noa Morales explicou que se trata da "Concentración de Escolas de Rugby de Galicia Sub 6, Sub 8 e Sub 12" e sinalou que "é un pracer que deportes minoritarios coma o rugby se dean a coñecer entre a poboación", ao mesmo tempo que lembrou "os valores deste deporte, como o traballo en equipo, o compañeirismo ou o respecto, tanto polos rivais como polos árbitros e que conta co famoso terceiro tempo, amosando que as rivalidades quedan no campo".

A concentración reunirá en Santa Isabel a preto de 300 escolares menores de 12 anos procedentes de varias localidades galegas. En total participará unha ducia de equipos. A presidenta da Asociación Valentes, Betty Álvarez, explicou que "cada mes, un equipo de rugby de Galicia organiza unha concentración de escolas que é posible pola colaboración de concellos como o de Compostela". Pola súa banda José Pérez amosouse moi satisfeito porque "o número de licenzas de rugby está a medrar e tamén estamos a traballar moi ben dende Rugby en Compostela, dende a escola ata o feminino, pasando polos veteranos". Nesa liña se pronunciou María Esperanza Fernández, quen indicou que "os veteranos e veteranas estamos moi implicados na formación dos nenos e as nenas e colaboramos tamén arbitrando algúns encontros".

Horarios
A concentración comezará ás 10:00 e rematará arredor das 17:00 horas, despois do terceiro tempo tradicional no rugby, previsto para as 14:30 horas. Os encontros comezarán ás 11:00 horas e serán combinados naqueles casos nos que un equipo non chegue ao número mínimo de integrantes. Dese xeito tamén se quere fomentar o espírito e traballo de equipo entre os nenos e as nenas. As entidades organizadoras quixeron deixar claro que se trata dunha actividade lúdica e amigable.

Compartir: