MOCIDADE

Alumnado do IES Xelmírez I traballa sobre a violencia de xénero a través da técnica do teatro-foro

13/03/2018 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, visitou esta mañá unha das actividades do "Teatro-Foro" posto en marcha polo Concello en varios centros de Compostela. En total serán arredor de 130 alumnos e alumnas os que traballen sobre varias temáticas a través desta novidosa actividade.

Nesta ocasión, a concelleira estivo co alumnado de cuarto da ESO do IES Xelmírez I, que traballaron sobre a violencia de xénero. Tal e como sinalou a responsable de Mocidade, "trátase dun proxecto piloto co que queremos impulsar e empregar o teatro foro como instrumento catalizador". Noa Morales explicou que "esta actividade se basea nunha forma teatral de creación colectiva, o que permite fomentar o traballo en equipo nos institutos".

Na sesión representouse unha obra, que parte da análise das inquedanzas, problemas e aspiracións da comunidade á que van dirixidas. Unha vez representado o espectáculo, os e as espectadores/as poden participar converténdose en actores e actrices da obra.

Programa piloto
Ademais do IES Xelmírez I, tamén participan o IES Xelmírez II e o IES Pontepedriña, que crearán diversas pezas teatrais para abordar dende esta metodoloxía temas coma o ciberacoso, a violencia de xénero ou a prevención de drogodependencias.

Este programa implica que os mozos e mozas teñan un papel activo con roles definidos e cunha participación activa por parte do público, cuxos integrantes pasan a ser especta-actores en vez de espectadores. As pezas teatrais resultantes serán de, como máximo, 20 minutos, e prepararanse en 8 sesións de 2 horas.

Teatro-foro
O teatro-foro é unha técnica teatral que provén das teorías do teatro do oprimido de Augusto Boal. O teatro-foro oriéntase a empregar diversas estratexias para a liberación dos individuos, a toma de conciencia dos grupos e colectivos sobre temas sensibles como a educación para a saúde, a igualdade, a violencia, a convivencia ou a procura de alternativas para a resolución de conflitos.

Compartir: