DEPORTES

Comezan as obras para renovar o sistema de iluminación do campo de fútbol de Lamas de Abade

08/02/2018 Esta semana comezan as obras que permitirán renovar o sistema de iluminación do campo de fútbol de Lamas de Abade. Así o anunciou en rolda de prensa a concelleira de Deporte, Noa Morales, quen indicou que os traballos, axudicados a Ferrovial Servicios, terán unha duración de oito semanas, se ben só será preciso pechar o campo durante unha semana. O investimento alcanza os 68.055 euros.

Noa Morales explicou que o campo de fútbol de Lamas de Abade presenta "un cadro de iluminación en moi mal estado, ademais de que non cumpre coa normativa vixente e a potencia do sistema de alumeado non é a axeitada". Esta actuación permitirá colocar unha nova instalación eléctrica na totalidade do campo, con mellor iluminación para o terreo de xogo, pero tamén para os vestiarios e para a cafetería.

"O novo sistema para iluminar o campo de Lamas de Abade pasará de ser monofásico a trifásico, e instalaranse novos cadros de alumeado, que inclúen cadro xeral e cadros na lavandaría, nos vestiarios e nas caldeiras", apuntou a concelleira. A intervención tamén inlclúe a instalación de catro torres de iluminación, de 20 metros de altura e cun proxector de alumeado en cada unha de 1.000 vatios.

A execución das obras, adxudicadas a Ferrovial Servicios por 68.055 euros, obrigará a pechar a instalación só unha da semana das oito totais previstas, polo que os traballos serán compatibles coa práctica deportiva habitual. Segundo indicou Noa Morales, "intentarase que esta semana de peche coincida coa semana previa á Semana Santa, cando hai menos actividade".

Obras no pavillón de Monte dos Postes
Preguntada pola marcha das obras noutra instalación, o pavillón do CEIP Monte dos Postes, a concelleira indicou que, segundo a empresa adxudicataria, "están moi avanzadas, se ben houbo problemas de subministración de material, o que atrasou as datas límites que tiñamos marcadas". Con todo, Noa Morales estimou que os traballos rematarán a vindeira semana. "A cuberta está rematada e agora é cuestión de pintar o interior do pavillón", dixo.

Compartir: