ALCALDÍA

José María Fenollera terá unha rúa en Compostela

26/12/2006 O alcalde compostelán presidiu o acto de homenaxe ao pintor e intelectual José María Fenollera. Xosé A. Sánchez Bugallo, descubriu unha placa no seu recordo na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na rúa do Vilar, onde tivera a súa casa durante a súa estancia en Santiago. Ademais, anunciou que o pintor contará cunha rúa en Compostela.

O descubrimento desta placa e a futura rúa veñen a pagar unha parte da débeda que a cidade ten con José María Fenollera. O pintor chegara a Compostela en 1886 e aquí estivo ata o seu falecemento en 1918. Mantivo un estreito contacto coa sociedade compostelá, da que foi un dos seus retratistas, e coa intelectualidade rexionalista galega. Entre outras responsabilidades, foi director e profesor de debuxo da Escola Económica de Santiago (Instituto Xelmírez) e catedrático de Debuxo Artístico da Escola de Artes e Oficios. Polas súas aulas pasaron moitos dos máis importantes pintores galegos.

A súa vinculación con Galicia tamén quedou reflectida na súa obra pictórica, boa parte dela saída da súa casa no número 54 da Rúa do Vilar, onde tamén tiña o seu estudio. Títulos como "A fiandeira", "O río Pedras" ou "Robles de barrio" falan desa estreita relación con Galicia e, en particular, coa paisaxe rural. Entre súas obras tamén destacan os frescos do teito do paraninfo da Universidade de Santiago.

Pasados 120 anos dende a súa chegada á cidade, a Concellaría de Rehabilitación e Casco Histórico, en colaboración coa CEG, quixo renderlle esta homenaxe, que é a de Compostela cara un dos seus ilustres moradores.

Compartir: