CENTROS SOCIOCULTURAIS

O novo Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche dinamizará o barrio máis populoso da cidade

26/12/2006 Coa asistencia do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Director Xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, sito na rúa Frei Rosendo Salvado.

Este novo Centro da rede é o número 43 dos que están en funcionamento e atenderá o barrio máis populoso de Santiago, absolutamente desatendido en materia dotacional durante moito tempo, como consecuencia da súa especial configuración urbanística herdada do pasado. Dalgún xeito o Centro súmase á política municipal de modernización do Ensanche, ao proceso de reurbanización e de dotación de servizos, como son os aparcadoiros soterrados, a implantación de zonas de lecer, como o parque infantil do Agro de Ramírez e outras actuacións, como a dinamización da Praza Roxa e o apoio ó Centro Comercial Aberto do Ensanche.

Este Centro Sociocultural e Xuvenil vén cumprir coa iniciativa municipal de dotar de centros cívicos a todos e cada un dos barrios da cidade. A confluencia de tres organismos, Deputación, Caixa Galicia e Concello, fixo posible que o Ensanche poida contar cun centro sociocultural modélico tanto en instalacións de servizos como en posibilidades para actos, exposicións, cursos, etc.

O Alcalde amosouse convencido de que "o Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche vai ser un punto de referencia cidadá tanto no presente inmediato como no futuro, igual que acontece co resto do centros da rede", ao que engadiu que "a rede de Centros Socioculturais, responsabilidade de Mercedes Rosón, está a ser motor da dinamización social e cultural dos barrios e parroquias nos que están implantados".

Diversos espazos

Tanto o Concello como a Deputación e Caixa Galicia dispoñen de espazos de uso individualizado no Centro, xa que os tres organismos responsables do mesmo compartirán actividades conxuntamente ou por separado.

O Centro alberga a Biblioteca 33 de Caixa Galicia, cunha ampla traxectoria de fomento á lectura en Compostela. Modélica no mundo da literatura infantil e xuvenil de Galicia. "A atracción da Biblioteca 33 é xa, polo tanto, unha garantía de éxito do centro", segundo manifestou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que engadiu que "con este Centro damos un paso máis na modernización e humanización do Ensanche, no que, ademais do proceso urbanístico, impulsamos a nosa política social e cultural dun modo decidido, como obxectivo final de todas as políticas emprendidas polo Goberno municipal".

Documentos relacionados



Compartir: