DEPORTES E EDUCACIÓN

Máis actividades e diversión nunha nova edición de "Nadalxogo"

26/12/2006 Nadalxogo volve a ser o espazo lúdico por excelencia destas festas en Compostela. O Multiúsos Fontes do Sar acollerá entre o 27 de decembro e o 4 de xaneiro as actividades, obradoiros e propostas para que o público infantil e xuvenil atope de novo un motivo para compartir.

De 17:00 a 21:00 horas, rapaces de 3 a 17 anos poderán participar en obradoiros, actividades deportivas e diversos xogos. E todo a un prezo de unicamente dous euros. Ata a súa conclusión, "Nadalxogo só deixará de abrir o domingo 31 de decembro.

A oferta deste ano inclúe un Salón do libro infantil e xuvenil, onde todos os días haberá diversas actuacións en horario de 18:00 e 19:30 horas. Sesións de contacontos, actuacións musicais, obradoiros de papiroflexia ou unha exposición formarán parte deste espazo.

Os máis pequenos, de 3 a 5 anos, contarán con estruturas adaptadas: parque de xogos, parque infantil de tráfico, obradoiros varios e outras actividades. Non faltará un espazo específico para co cambio de cueiros e zonas destinadas á merenda.

Entre as actividades lúdico-recreativas cómpre citar a pista de choque, o carrusel de cabaliños ou os inchábeis para pequenos e mozos. E ademais, obradoiros varios, xogos con lingua, rochódromo, tenis de mesa, camas elásticas, scalextric ou esgrima.

Cada día tamén haberá actividades extraordinarias, con paiasos, contacontos, maxia, circo ou baile. E o día 4, visita dos Reis Magos. Todo isto compleméntase con outras propostas, como o laboratorio de experimentos de "Ciencia divertida", do 27 ao 30, ou o "Garabato de xogo", do 2 ao 4, con xogos feitos con materiais de refugallo.

Os concelleiros de Educación, Elvira Cienfuegos, e de Deportes, Manuel Portas, presentaron o programa de "Nadalxogo", cualificado por eles mesmos como "unha cita obrigada" nestas festas en Compostela. O evento será inagurado polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o mércores 27 ás 18:00 horas.

Compartir: