EDUCACIÓN

Espectáculo de música e danza a cargo de persoas con necesidades educativas especiais

26/12/2006 O xoves 4 de xaneiro, ás 19:30 horas, o Teatro Principal será escenario duna particular e integradora iniciativa. A Fundación Igual Arte, que traballa con persoas con necesidades educativas especiais, no campo da educación musical, expresión corporal e artes plásticas, trae a Santiago a obra "Axóuxere de cores".

É o primeiro espectáculo artístico desta entidade, que ten como obxectivo crear un espazo activo e integrador destinado a fomentar a creatividade. "Axóuxere de cores" cumpre con esa fin de levala á sociedade por medio de: representacións teatrais e corporais, concertos, mostras de danza e exposicións de artes plásticas.

Esta é unha obra onde, a través da música e da danza, faise un percorrido polos diferentes sentimentos que poden experimentarse. As verbas quedan nun segundo plano e é a cor, o son, o movemento e a imaxe os que fan que os sentimentos estén presentes na escea. Trátase dun espectáculo de expresión corporal e música en directo tratando de dar diferentes matices ao corpo e ás melodías.

A obra, estreada con éxito en Vigo, tamén se representará nas cidades de Pontevedra e A Coruña. Conta coa colaboración da Consellería de Cultura e da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. A entrada custa cinco euros.

Compartir: