BENESTAR SOCIAL

Benestar Social dedicará máis de 300.000 euros ao Programa de Axuda no Fogar

26/12/2006 O Goberno local aprobou a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para o desenvolvemento do Programa de Axuda no Fogar, por un importe de 42.075 euros. Esta iniciativa vai supor un investimento total de 319.477 euros para o ano 2007 e é un dos proxectos máis cobizosos da Concellaría de Benestar Social.

Ademais da solicitude desta subvención, a Xunta de Goberno ratificou o convenio asinado entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais -a través do IMSERSO-, a Fundación ONCE e o Concello para a cooperación e integración social de persoas con discapacidade. Este acordo supón unha contía de 200.000 euros, que permitirán realizar obras de accesibilidade en Concheiros, San Pedro, Hortas, Campiño do Carme e aparcadoiro de San Clemente.

Finalmente, tamén se deu o visto bo ao cambio de uso do piso ubicado na rúa Roma nº 5 baixo E, que servirá para impartir cursos de formación no ámbito do Proxecto Unidade Formativa de Intervención Familiar.

Compartir: