CULTURA

Música, teatro e danza no novo ciclo ‘Cultura en familia’

16/01/2018 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a programación deste ciclo dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa. As actividades teñen todas un prezo de 4 € e pode mercarse un bono familiar de catro entradas ao prezo de 12 euros. O concerto da Banda é con entrada de balde.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá o novo programa do departamento ‘Cultura en familia’. Como ela mesma explicou na rolda, este ciclo vén responder ao desexo da concellaría de ofrecer unha programación estable, variada e de calidade para os e as máis pequenas da casa.

Desta forma, achégase aos nenos e nenas aos espazos culturais da cidade para que se familiaricen con eles e asistan xa, dende novos, a espectáculos culturais con todo o que iso implica para a súa formación e enriquecemento. O ciclo vén completar a programación xa existente dirixida a esta franxa da idade como os concertos didácticos que organiza cada curso escolar a concellaría; o ciclo ‘Descubre unha orquestra para ti’ coa Real Filharmonía de Galicia; as seccións para cativos e cativas de festivais como Curtocircuíto ou Cineuropa; ou as numerosas actividades do Apego. Este ‘Cultura en Familia’ ofrece un total de sete propostas de xaneiro a maio, no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal con música, danza e teatro.

María Fumaça, a Banda Municipal con Píscore e Unahoramenos
A programación comeza neste mes de xaneiro co único dos espectáculos que será no Auditorio de Galicia: o concerto de María Fumaça ‘As que máis molan!!!’. A familia María Fumaça celebra cinco anos de travesía reunindo un feixe de éxitos e dúas novas cancións para incorporar ás favoritas do público e entre as vilas e cidades que visitan con este espectáculo farán parada en Compostela o 27 de xaneiro ás 18.30 h. Poderemos gozar coa voz de Uxía, a guitarra e o cavaquiño de Sérgio Tannus, ou coa voz e guitarra de Magín Blanco, entre outros, todos da man de Ruí.

A primeira das propostas de febreiro será o día 11 ás 12.00 h no Teatro Principal onde poderemos asistir a un concerto da Banda Municipal de Música con Píscore. Ofrécennos a mellor música e moito humor nun concerto singular que mestura o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público. E o día 24 chega á cidade ‘Me llamo Suleimán’, unha proposta de Unahoramenos que nos fala da emigración clandestina entre África e España e da viaxe que realiza quen se ve obrigado a emprender esta aventura. Será ás 18.30 h no Teatro Principal, onde poderemos acompañar a Suleimán no seu duro e difícil percorrido.

Limiar Teatro, Markeliñe, Entremáns e BaoBab
O 18 de marzo, Limiar Teatro presenta ‘O conto da Azuzaina’, un espectáculo do que emerxe a certeza de que non existen fórmulas para a normalidade, nin pautas fixas para marcar o compás da harmonía familiar. Será ás 18.30 h no Teatro Principal e da man dun científico pintoresco e un músico excéntrico. O día 24 visítanos a compañía Markeliñe para presentar tamén no Teatro Principal ás 18.30 h ‘Euria’ (‘Choiva’). Danza e teatro neste espectáculo que fala do tempo necesario no que a tristura nos acompaña para calmar o que nos doe a perda dun ser querido e, pouco a pouco, adaptarnos á nova situación.

‘Cultura en Familia’ ofrécenos en abril o espectáculo ‘Gaia’ da compañía de danza Entremáns; o día 28 ás 18.30 h. Trátase dun percorrido singular no que a pintura, a música, o audiovisual e a danza nos axudan a descubrir e comprender a intensidade, o poder, a beleza das características do noso planeta e os seus tesouros naturais. E pechamos esta edición do ciclo en maio, o día 26 ás 18.30 h no Principal, co ‘Pum Pum!’ de BaoBab, un espectáculo tenro sobre historias cotiás que lles acontecen aos nenos e nenas e unha mensaxe clara: deben saber que ninguén lles pode obrigar a facer cousas que non queren.

Entradas na web de Abanca e no Teatro Principal
As entradas teñen un prezo de 4 euros (agás o concerto da Banda Municipal e Píscore que é con entrada de balde) e pode adquirirse un Bono Familiar que inclúe catro entradas a un prezo de 12 euros. Poden mercarse na web entradas.abanca.com, no teléfono 981910544 ou de forma física no despacho de billetes do Teatro Principal, de martes a sábado (+días de evento) de 18.00 a 21.00 h. As de María Fumaça, de quedar, tamén se poden adquirir o propio día do concerto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde as 17.00 h.

Compartir: