ACCIÓN CULTURAL

"Global Complexity", de Amine Asselman, novo proxecto para a Zona "C"

11/01/2018 Mañá venres, ás 19:30 horas, abre na Zona "C" a intervención Global Complexity, do artista Amine Asselman. No acto inaugural estarán presentes Jorge Duarte, segundo tenente de alcalde do Concello de Santiago, e o artista Amine Asselman, quen falará da narrativa da peza que presenta. O acto é aberto ao público e non é preciso presentar invitación.

Global complexity é unha evolución de Connected, obra que Amine produciu para o Mulafest 2016 (Festival de Tendencias Urbanas de Madrid), onde comeza a indagar na contradición da conectividade e a globalización fronte as barreiras e as fronteiras. O mundo capitalista no que vivimos propuxo "a globalización" como solución aos conflitos, ás barreiras e ás fronteiras, pero, finalmente, só conseguiu levantar muros e valos. Unha condición que o artista vive de preto ao medrar entre Europa e África, entre un país en vías de desenvolvemento e países desenvolvidos, entre un país cristián e outro musulmán.

Amine mergulla así ao público que se achega á Zona "C" nun espazo onde percibir este contraste. Nunha primeira mirada apreciamos postes eléctricos e bobinas de latón conectadas por cables que conteñen pugas que simulan o arame de espiño convertendo a conexión entre as bobinas en algo inquietante. Postes que están presentes na nosa paisaxe e que adquiren unha relectura diferente.

Imos vendo como as pugas do arame de espiño se converten en mosaicos inspirados na arte islámica facendo referencia a unha realidade complexa e a un inimigo global ominipresente, pero que aquí actúan como elementos de unión, mentres que as pugas son os elementos de separación. Amine concibe a peza como interactiva, xa que os visitantes poden interactuar transmitindo sons e mensaxes que percorrerán a instalación enteira. A importancia de entendernos, da mensaxe, da comunicación.

Amine Asselman (Toulouse, Francia, 1989) é licenciado en deseño polo Instituto Nacional de Belas Artes de Tetuán (Marrocos); Máster en Arte Contemporánea pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra e actualmente cursa o doutoramento de Arte Contemporánea na mesma facultade.

A entrada á Zona "C" é de balde no seguinte horario: de martes a sábado de 16:00 a 20:00 h e domingos de 14:00 a 19:00 h; luns pechado.

Compartir: