XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno inicia a licitación de obras orzamentadas en máis de 700.000 euros

29/12/2017 O Goberno local aprobou este venres o inicio do procedemento de licitación de catro actuacións longamente demandadas en Santiago, que van supoñer un investimento total de máis de 700.000 euros. O concelleiro Xan Duro, encargado de dar conta hoxe dos acordos da Xunta de Goberno, salientou o "elevado volume de investimentos que se está a licitar nas últimas reunións do Executivo, e que fará que o 2018 sexa o ano da obra pública en Compostela".

Das obras licitadas hoxe, a proposta da concellería de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, as de maior orzamento serán as da rexeneración do pavimento da calzada dos viarios de acceso ao Palacio de Congresos (Miguel Ferro Caaveiro e Fernando Casas Novoa). A actuación ten un tipo máximo de licitación de case 274.000 euros e un prazo de execución de tres meses, e permitirá renovar por completo o firme do viario. Ao tempo tamén se acometerán reparacións puntuais nas beirarrúas e mellorarase a accesibilidade nos pasos de peóns existentes.

Ademais, iniciouse o procedemento de contratación das obras de mellora da accesibilidade na rúa Bispo Diego Peláez, cun tipo de licitación de 230.000 euros. Os traballos, cun prazo de execución de cinco meses, permitirán diminuír os desniveis entre a rúa e os portais dos edificios para salvar as escaleiras existentes na actualidade. Tamén se ampliarán as beirarrúas, renovaranse as redes de servizo e saneamento, e instalaranse novos colectores soterrados, elementos de alumeado e mobiliario urbano. Con este proxecto, completarase a renovación integral do barrio de Vista Alegre.

Outra actuación longamente agardada que sae hoxe a licitación é a do acondicionamento do aparcadoiro público en superficie da avenida de Ferrol, no que se van investir uns 110.000 euros.

Por último, na reunión de hoxe, tamén se iniciou o procedemento de licitación do proxecto de reparación da calzada da rúa do Espírito Santo. A actuación ten un orzamento de 75.000 euros, e un prazo de execución de dous meses. O obxectivo das obras é "afrontar o deterioro xeral do pavimento de lastras da rúa, que presenta rotura de pezas e afondamentos en zonas puntuais, e que constitúe un risco para a seguridade viaria". O proxecto prevé retirar todo o pavimento existente para construír unha nova capa de rodadura de formigón, e permitirá afrontar a reparación das zonas de sumidoiros de pluviais. Tamén se reporán as pezas de madeira rotas, ou excesivamente deformadas, na pasarela situada na zona central da rúa.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: