DEPORTES

Santa Isabel acolle o Campionato Galego de Inverno de Natación

27/12/2017 Dende mañá xoves e ata o sábado 30 de decembro, a piscina municipal de Santa Isabel acolle o Campionato Galego Absoluto de Natación de Inverno 2017. Máis de 300 nadadores e nadadoras competirán en sesións de mañá e tarde nunha proba cuxos detalles presentaron en rolda de prensa a concelleira de Deporte, Noa Morales, o director técnico do Club de Natación Cidade de Santiago, José A. Rioseco, e o secretario xeral da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera.

Noa Morales destacou a importancia desta proba, que reúne os mellores nadadores e nadadoras de Galicia. Participarán 26 clubs, cun total de 331 deportistas (176 homes e 155 mulleres). Ademais de agradecer a elección de Santiago para a competición, a concelleira desexoulle éxitos especialmente á delegación compostelá. Este Campionato Galego servirá de proba de selección para o Campionato de España por Autonomías, que se celebrará os días 17 e 18 de febreiro en Oviedo.

O director técnico do Club de Natación Cidade de Santiago, José Rioseco, insistiu en que haberá "nadadores e nadadoras excelentes, todos e todas cun nivel altísimo. Veñen rapaces e rapazas que levaron medallas no Campionato de España que se celebrou hai tres semanas en Cataluña". Tamén expresou a súa confianza nun bo papel dos 16 competidores e competidoras do club compostelán.

Pola súa banda, o secretario xeral da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, lembrou que "Santiago é unha cidade que historicamente ten organizado competicións de natación de moi alto nivel, como campionatos de España ou competicións triangulares e nacionais". Neste sentido, avalou o esforzo organizativo do CDN Cidade de Santiago.

Os tres animaron a cidadanía a asistir a este Campionato Galego, sobre todo polas tardes, a partir das 17:00 horas, cando se celebrarán as finais de cada categoría. As sesións matinais arrancarán ás 10:00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: