PLENO

O Concello de Santiago insta á Xunta a denegar a reapertura da mina de cobre de Touro-O Pino

21/12/2017 O Concello de Santiago instará á Xunta de Galicia a denegar a reapertura da mina de cobre dos municipios de Touro e O Pino. Así se acordou no Pleno celebrado este xoves, a partir dunha proposta do BNG que contou co voto favorable de Compostela Aberta e do PSOE e coa abstención do PP. O texto aprobado hoxe lembra que o proxecto de megaminería de Touro-O Pino aféctalle a preto de 700 hectáreas, das que 500 son terreos agrícolas e forestais. Tamén se estima que a reapertura da mina afectaralle a augas soterradas, ao propio río Ulla.

No Pleno interveu Rubén Souto, representante da Plataforma Veciñal "Mina Touro-O Pino Non", para lembrar cales serían as posibles afectacións da mina, "que estaría situada a menos dun quilómetro de equipamentos sensibles como unha gardería". Tamén apuntou que "pola zona discorre o Camiño de Santiago, e o proxecto obrigará a peregrinos e peregrinas a durmir en albergues con vistas á mina"

EDAR e eucaliptos
No Pleno de hoxe tamén se debateu unha proposición presentada polo PP, relativa á construción da nova estación depuradora de augas residuais. O texto foi votado por puntos, e resultou aprobado aquel que se refería a instar tanto ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente como á Xunta á impulsar as accións necesarias para seguir avanzando na consecución da EDAR que necesita Santiago. Tamén se acordou instar ao Ministerio a que, no proxecto definitivo da depuradora, mellore a súa integración ambiental, e a que se poña a disposición dos concellos de Santiago e Ames para facilitarlles a información necesaria sobre este proxecto.

Aínda relacionado co medio ambiente, hoxe aprobouse unha moción do BNG para a eliminación de eucaliptos próximos a núcleos de poboación, canles fluviais e rede viaria. Na súa proposta, o Bloque tamén instaba á creación dunha liña de axudas para a plantación de frondosas caducifolias, como carballos, castiñeiros ou árbores froiteiras.

ARI de Pontepedriña
A Corporación tamén aprobou por unanimidade unha moción do PSOE na que se reclamaba un impulso á Área de Rehabilitación Integral de Pontepedriña. Os socialistas presentaron a súa proposta despois do desplome da cubrición dunha fachada lateral, no temporal do pasado mes de novembro.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade aproveitou a súa intervención para adiantar que a Xunta de Goberno vai aprobar mañá o estudo de detalle da ARI de Pontepedriña, así como catro dos cinco estudos de detalle da ARI de Vite. Jorge Duarte tamén lembrou que "vimos de aprobar o convenio entre o Ministerio de Fomento, a Xunta e o Concello para a convocatoria das subvencións para realizar obras en seis comunidades da ARI de Vite, outras seis na de Pontepedriña e seis máis na de Vista Alegre". A contía total desas axudas será de 1,4 millóns de euros, "unha cifra menor á solicitada polo Concello".

No Pleno participou o presidente da asociación veciñal "Sandra Prego" da Pontepedriña, José Suárez, que tamén lamentou que "a porcentaxe das subvencións pasará de ser de máis do 70% hai uns anos, a quedar nun 35% nas últimas convocatorias". Tamén reclamou o compromiso do Concello para que "os grupos de vivendas da ARI de Pontepedriña non acaben sendo un barrio abandonado no medio das novas edificacións".

Homoxeneización dos servizos de prevención e extinción de incendios
Por último, a Corporación municipal acordou, a proposta de Compostela Aberta, instar á Xunta de Galicia a que desenvolva a homoxeneización dos servizos de prevención e extinción de incendios de todas as entidades locais de Galicia. Tamén se insta ao Goberno autonómico a que redacte o regulamento de bombeiro profesional, creando a figura do bombeiro-condutor especialista (categoría profesional C1). O concelleiro Xan Duro explicou que o obxectivo desta reclamación é "adaptar a categoría profesional deste persoal ás características reais do traballo que ten que desenvolver na actualidade, co manexo de maquinaria e ferramenta técnica perigosa". A moción de Compostela Aberta foi aprobada por unanimidade.

Compartir: