CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia tocará unha selección de fragmentos de "O Mesías", de Haendel, no seu tradicional concerto de Nadal

21/12/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto de Nadal, dedicado a O Mesías, de Haendel, que nesta ocasión está financiado pola Obra Social La Caixa. A cita será mañá venres 22 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas xa están esgotadas.

Levará a batuta o mestre belga Daniel Reuss. A orquestra acompañará as voces da soprano Berit Solset, a contralto Catherine Hopper, o tenor Nicholas Mulroy e o baixo-barítono Peter Harvey; xunto ao recoñecido coro holandés Cappella Amsterdam (cuxo director artístico é o propio Daniel Reuss) e outros coros populares galegos. Será un concerto participativo, no que profesionais e afeccionados unirán as súas voces nesta experiencia musical.

O compositor alemán Georg Friedrich Haendel (1685-1759) escribiu O Mesías en Londres en 1741, en tan só tres semanas. Aínda que tradicionalmente asóciase co Nadal, este oratorio non se centra unicamente no nacemento de Xesús, senón en toda a súa vida. Destaca pola súa monumentalidade en canto a duración e proporcións sonoras. Trátase dun texto en tres actos, divididos en escenas, sobre fragmentos do Antigo e do Novo Testamento, onde os coros teñen un protagonismo particular. Nesta obra, as voces, que requiren un virtuosismo extremo, posúen a elocuencia e a identidade dun personaxe máis.

Esta obra mestra é un referente ineludible da música de Haendel, do Barroco musical e da historia da música. A RFG tocará unha selección dos seus fragmentos máis coñecidos, entre eles "And the glory of the Lord", "Glory to God" ou o sublime "Hallelujah", no que Haendel combina texto e música creando un fastuoso son que representa o cume da obra. O concerto concluirá co apocalíptico "Amén", momento no que o coro se manifesta en todo o seu esplendor.

Voces profesionais e populares unidas nesta experiencia musical
O público poderá gozar con grandes voces internacionais, como a da soprano norueguesa Berit Solset, unha das cantantes escandinavas máis solicitadas do momento; e as voces británicas da contralto Catherine Hopper, do tenor Nicholas Mulroy e do baixo-barítono Peter Harvey. Ademais, contarase coa participación do coro holandés Cappella Amsterdam, fundado en 1970, que na actualidade ocupa un lugar destacado no panorama da música vocal holandesa e europea, cuxo director artístico é o mestre Daniel Reuss.

Xunto a estas voces profesionais cantarán varios coros populares galegos: Coral Polifónica La Salle de Santiago, Coral Polifónica Sporting Club Casino da Coruña, Coro Adayeus da Asociación de alumnos e ex alumnos da Universidade Sénior da Coruña, Coro Alegre Intermezzo de Pontedeume, Coral Alfaia de Santiago, Coro Asubío de Santiago, Coro Cardeal Quiroga da Catedral de Santiago e Coro de Amigos do Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

A batuta de Daniel Reuss
O mestre belga Daniel Reuss levará a batuta do concerto. Nacido en 1961, estudou dirección coral no Conservatorio de Róterdam. En 1990 asumiu a dirección da Cappella Amsterdam, converténdoa nun coro de cámara profesional que, hoxe en día, é un dos conxuntos vocais máis solicitados e prestixiosos dos Países Baixos.

Dende 2003 ata 2006 foi director titular do Coro de Cámara da RIAS de Berlín, entre os 2008 e 2013 dirixiu o Coro de Cámara Filharmónico de Estonia, e dende 2014 é director artístico do Ensemble Vocal de Lausana (Suíza). Tamén foi convidado a dirixir outras acreditadas orquestras e formacións vocais europeas como a Academia de Música Antiga e o Vocalconsort de Berlín, o conxunto de música contemporánea MusikFabrik, a Filharmónica de Róterdam, a Orquestra do Século XVIII ou o Collegium Vocale Gent, entre moitas outras.

Gravou numerosos traballos discográficos, que tiveron un grande éxito de público e crítica, e que recibiron importantes premios como Diapason d’ Or, Choc de Classica, Premio da Crítica Discográfica Alemá ou Edison Klassiek, e tamén un nomeamento aos premios Grammy. O seu repertorio abarca todo o espectro estilístico musical e inclúe obras que van dende o século XIII ata a música máis recente.

Compartir: