NADAL

A programación de Nadal en Compostela tráenos mañá venres algunhas das súas apostas máis destacadas

21/12/2017 A programación de Nadal de Compostela deste venres 22 chega cunha manchea de actividades, entre as que destacan as enfocadas á mocidade compostelá. A ruada do Apalpador ou a actuación do Coro Compostela en Escena están entre as propostas da xornada.

O Coro Compostela en Escena –que realiza os seus ensaios no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga- actuará pola tarde (18:00 h) na praza do Toural, no Mercado de Nadal e na praza Roxa. Un percorrido musical por algúns dos enclaves máis transitados da cidade.

Xa pola noite, ás 21:00 horas, os e as participantes na actividade formativa de narración oral organizada pola Concellaría de Mocidade ofrecerán unha sesión de narración oral cos contos e lendas nos que traballaron ao longo do curso.

O obradoiro de deseño e ilustración de tarxetas de Nadal, que impartirá o ilustrador Xosé Tomás, é trasladado ao martes 26 de decembro, de 16:00 a 18.00 horas. Esta actividade está enfocada a mozas e mozos de entre 14 e 35 anos. A inscrición pode realizarse a través do enderezo: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Últimas oportunidades
Mañá venres será a última oportunidade para gozar dalgunhas das actividades da programación de Nadal. É o caso do Forno dos Soños, unha proposta promovida por sete persoas forneiras con sete soños que queren contaxiarnos a súa ilusión e o seu esforzo e encher a cidade de fornos físicos onde a xente poderá depositar os seus soños. Todos eles entrarán nun sorteo presencial e noutro a través das redes sociais.

Tamén chega ao seu fin Nadal na Arte en Compostela, unha serie de roteiros a través dos cales se percorre o patrimonio artístico da cidade ligado á viaxe dos Reis Magos. Todo da man de dúas especialistas na materia, as profesoras María Dolores Fraga Sampedro e María Luz Ríos Fernández. A inscrición pode realizarse a través do enderezo: tprincipal@santiagodecompostela.gal.

Por outro lado, o Belén Artesanal de San Fiz de Solovio cambia o seu horario de visitas a partir de mañá: de luns a venres, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas.

Ocio para os máis cativos na praza do Obradoiro
Desde este venres, as cativas e cativos poderán gozar do carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro instalado na praza do Obradoiro. A instalación é de acceso libre e o seu horario de funcionamento é de 17:00 a 21:00 horas. Estará pechado os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

O Apalpador
Ademais de continuar o seu percorrido de contos e lendas polos centros socioculturais da cidade – desta volta no LSC Pontepedriña (18:00 h), no LSC Busto (18:30 h) e no LSC A Gracia (19:00 h) – o Apalpador sacará tempo para facer unha ruada con saída da Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21). Continuará pola rúas
de San Roque, Algalia de Arriba, praza de Cervantes, Preguntoiro, Caldeirería, Orfas e Cantón do Toural. Nesta última parada será onde se xuntarán todos
os participantes para darlle a benvida ao Apalpador con música e cancións tradicionais.

Direcciones relacionadas



Compartir: