CULTURA

Galaxia e a concellaría de Cultura presentan os primeiros números da Biblioteca Compostela

20/12/2006 A Concellaría de Cultura e a Editorial Galaxia presentan tres das máis recentes novidades editoriais europeas na nosa lingua. Estes tres e máis a novela que sexa galardoada co Premio de Novela Europea Casino de Santiago abren este ano a colección Biblioteca Compostela. O concelleiro Néstor Rego, o presidente de Galaxia, Vítor Freixanes, o director de edicións, Carlos Lema, e a tradutora Eva Almazán, estiveron no Casino presentando A casa dos encontros, de Martin Amis, A pensión Eva, de Andrea Camilleri, e A medición do mundo, de Daniel Kehlmann.

Cultura e máis Galaxia xa asinaran o convenio en outubro, e agora presentan, como estaba previsto, os tres primeiros números da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea. Esta colección ten como filosofía "que o público lector poida acceder aos títulos que están nos escaparates en lingua galega", como indicou Vítor Freixanes. Galaxia segue tamén unha liña diferentes, que é a edición de clásicos traducidos. Unha resposta como a que amosou o público á tradución de Brooklyn Follies, de Paul Auster, xa pola terceira edición, "é digna de ser respaldada". Freixanes agradeceu á Concellaría a súa sensibilidade e apoio.

Pola súa banda, Carlos Lema falou das novelas que inauguran esta colección: A casa dos encontros era a agardada novela do autor de Diñeiro ou A información, o galés Martin Amis. Hai un mes que saiu do prelo británico, e a galega é a primeira tradución que se fai nunha lingua europea. A posguerra na URSS, nos estertores do estalinismo, é o escenario da historia que un personaxe lle conta á filla en primeira persoa: a dun triángulo amoroso entre dous irmáns e unha muller.

Tamén nos tempos da II Guerra Mundial está ambientada A pensión Eva, de Andrea Camilleri. Unha novela de iniciación sobre un rapaz que esperta á vida na Sicilia previa ao desembarco dos norteamericanos. Coñece o sexo, o amor e a amizade en tempos de guerra, ao longo dunha novela "moi felliniana, cargada de sentido do humor e de tenrura". Tamén neste caso, a de Galaxia é a primeira tradución que se fai. Por último, A medición do mundo, do alemán Daniel Kehlmann, que xa vendeu máis de 700.000 exemplares en Alemaña, e aborda a teima de dous científicos: o xeógrafo Alexander Von Humboldt, un aventureiro que partiu do porto da Coruña para entrar no Orinoco, e nos ofrece unha marabillosa visión narratva do mundo e a xente que o habita, e o matemático Carl Friedrich Gauss, que demostra sen se mover da casa que o espazo é curvo.

Eva Almazán, pola súa banda, ten traducido a obra de Amis e Auster, e para ela, esta iniciativa pode supor "un paso cara á situación de normalidade dos tradutores galegos, con respecto á tradución noutros sistemas literarios afeitos a traducir ao mesmo tempo que saen os libros". Almazán tamén expresou o seu desexo de que unha boa acollida por parte do lectorado dea lugar á continuidade. Néstor Rego manifestou o seu orgullo polo vencello da Concellaría cun proxecto como este, e salientou o simbolismo do Casino como espazo para a presentación: a idea da colección naceu alí, ao se entregar os premios á Novela Europea Casino de Santiago (o ano pasado para Simonetta Agnello Hornby, co'A Mennulara, e este para Anna Gavalda, con Xuntos e máis nada). A tradución ao galego destas novelas deu o pé para pensar nunha colección.

O concelleiro de Cultura tamén insistiu en desbotarmos a concepción patrimonialista da lingua, "ver o galego como un tesouro que cómpre conservar: é un medio de comunicación, e como tal temos que usalo con normalidade". Incidiu en que a situación de anormalidade que sofre a lingua repercute na febleza das editoriais. "As administracións temos a obriga de poñer os medios para podermos avanzar cara á normalidade". O concelleiro tamén sinalou o carácter universal, aberto ao diálogo cultural, da nosa cidade.

Compartir: