REHABILITACIÓN E CASCO HISTÓRICO

Unha conferencia de Albert Cuchí clausurou a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación

22/12/2006 O Paraninfo da Universidade acolleu o peche da segunda edición da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación, coa presentación dos oito proxectos que se desenvolveron durante o curso e unha conferencia do arquitecto e profesor titular da UPC Albert Cuchí.

A Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación, que naceu hai dous anos co obxectivo de formar a especialistas en técnicas de conservación dos centros históricos, pechou as portas da súa segunda edición. Os alumnos desta edición da Aula expuxeron os proxectos que foron elaborando ao longo do curso. En total, foron oito traballos nos que participaron arquitectos, aparelladoras, historiadores, sociólogos e outros profesionais relacionados coa rehabilitación.

Pola tarde, o director do posgrao "Ferramentas para a Edificación Sostíbel" da Universidade Politécnica de Cataluña, Albert Cuchí, deu unha conferencia arredor do sistema hídrico do Parque Güell. Trala intervención de Cuchí e tamén no Paraninfo, púxose o broche final á aula, nun acto de clausura ao que asistiron, entre outros o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da USC, Senén Barro, e a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero.

Os proxectos que se presentaron foron propostos polas trinta áreas de rehabilitación que existen en Galicia. Destes elixíronse oito, dos concellos de Santiago, Lugo, Ourense, Tui, Mondoñedo, Chantada, Lourenzá, Cambados e Muros. En Santiago céntrase na proposta do Plan Especial para a zona das Hortas.

Contidos prácticos

A Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación é un curso eminentemente práctico no que participaron arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, sociólogos e outros profesionais relacionados coa renovación urbana e a rehabilitación.

Nacida pola necesidade de técnicos e empresas cualificados e con coñecementos especializados na conservación efectiva dos centros históricos, así como de xestores públicos capaces de atender as demandas dos residentes, individualizando cada caso e asesorando e canalizando cada unha das demandas de asistencia na renovación das vivendas, a Aula conxuga a formación práctica e teórica co intercambio de experiencias entre as rexións participantes.

Ao longo do curso analizáronse presupostos prácticos e proxectos de rehabilitación urbana concretos, que responden a problemas actuais dos centros históricos de Galicia. O desenvolvemento destes proxectos complementouse con seminarios e charlas que tocaron as distintas disciplinas necesarias nos procesos de renovación urbana.

Os proxectos que se realizaron nas dúas edicións da Aula naceron coa perspectiva de poñerse en práctica de forma inmediata e, no seu conxunto, representan un amplo abano de situacións e problemas moi significativos dentro dos procesos de recuperación de edificacións e tecidos urbanos.

A selección do alumnado fíxose en base ao seu currículo e interese declarado, un proxecto, unha entrevista e a orde de rexistro da solicitude. A aula, que conta coa colaboración do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do COAG, a facultade de Xeografía e Historia da USC e a FEGAMP, está enmarcada no Programa de Asistencia e Xestión Urbana Sostíbel (PAGUS), que financia a matrícula, dentro da iniciativa comunitaria Interreg-III C Sur, e conta coa participación de Santiago de Compostela-Galicia e Andalucía (España), Umbría (Italia), Miño (Norte de Portugal), Tracia-Macedonia (Grecia) e Malta.

Os recoñecementos académicos a outorgar pola Universidade de Santiago de Compostela son o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación ou Especialista en Renovación Urbana e Rehabilitación, ou ben os posgraos en Xestión e Políticas Urbanas; Cidade e Sostibilidade; Espazo Urbano e Urbanismo ou Construción e aplicación de técnicas e normativas en rehabilitación.

Previsiblemente, en outubro de 2007, co comezo do curso académico, e ata xuño de 2008, terá lugar a terceira edición da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación.

Compartir: