CONSORCIO

Antoni Wit cancela os concertos coa Real Filharmonía de Galicia por motivos de saúde

07/12/2017 O mestre polaco Antoni Wit vén de comunicar á Real Filharmonía de Galicia a imposibilidade de participar nos concertos da próxima semana por un grave problema de saúde. Director especialista no repertorio musical do seu país de orixe, Wit ía conducir á orquestra nun programa deseñado especificamente para el, con obras de S. Moniuszko, W. A. Mozart e W. Karlowicz.

Ante a excepcionalidade da situación, e dada a imposibilidade de substituír ao mestre nesta proposta de grande esixencia e lonxe de repertorios estándares, a dirección da RFG decidiu suspender esta actuación ata a completa recuperación do director e propor unha alternativa consonte á programación da tempada. A Real Filharmonía de Galicia, o Auditorio de Galicia e o Consorcio de Santiago desexan a pronta recuperación deste director, convidado en varias ocasións nos programas da RFG e figura moi querida polo público de Compostela.

Novo director e programa
Será o director galego Diego García Rodríguez quen asuma a batuta da Real Filharmonía de Galicia nos concertos programados o xoves, día 14, en Santiago (20:30 h, Auditorio de Galicia) e o venres, día 15, en Vigo (20:30 h, Teatro Afundación). O programa escollido para estes concertos comeza coa abertura de O señor Bruschino, a última ópera bufa do compositor italiano Gioachino Rossini (1792-1868). De seguido, o público terá a oportunidade de escoitar a Sinfonía nº 34 de Mozart (1756-1791), e será a Sinfonía nº 4 de Beethoven (1770-1827) a peza que conclúa ámbalas dúas actuacións.

Diego García Rodríguez é un director ben coñecido polo público da Real Filharmonía de Galicia. Os seus compromisos como director convidado comprenden orquestras, teatro de ópera e festivais estatais e europeos. A Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica de Galicia, as orquestras de Castela e León, do Principado de Asturias e de Estremadura, a Orchestre des Pays de Savoy, a Akademicka Orkiestra Bydgoszcz ou a Orquestra Nova da OSG, son algunhas das máis destacadas.

No ámbito operístico debutou en 2015 no Teatro Real coa produción Hansel e Gretel, de Humperdinck. En Londres dirixiu a estrea mundial de It makes no difference..., ópera de cámara do compositor italiano Simone Spagnolo; asumiu tamén a batuta de Rigoletto na tempada Outono Lírico 2017 da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, e a de Carmen, de G. Bizet, na Opéraa Baltycka (Gdansk/Polonia). Dirixiu a produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás e traballou como director asistente en varias producións no Teatro Real de Madrid e no Théâtre de Caen en Francia.

Logo de obter o Mestrado en Dirección en Zúric, Diego García proseguiu os seus estudos no Reino Unido. En 2010 foi seleccionado pola London Sinfonietta Academy para participar no seu primeiro programa para directores novos. É o director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), no que desenvolve unha intensa actividade na difusión da música contemporánea e a súa relación con outras disciplinas artísticas.

Devolución de entradas
As persoas que adquiriran unha entrada fóra de abono para os concertos dirixidos por Antoni Wit teñen dereito á devolución do importe da mesma. O procedemento para a solicitude e trámite do reembolso depende do método escollido para a compra. Para solicitar a devolución das entradas mercadas no portal entradas.abanca.com cómpre dirixir un correo electrónico a taquillas@auditoriodegalicia.org. A devolución farase automaticamente na tarxeta empregada para a compra. Pola súa parte, a devolución das entradas mercadas no Auditorio farase no despacho de billetes nos horarios habituais de atención ao público.

Compartir: