NADAL

O Concello anima o Nadal de Compostela cunha programación con máis de 50 actividades

04/12/2017 Máis de medio cento de actividades para todos os públicos, dende a pasada fin de semana e ata despois de Reis. É a programación do Concello para este Nadal, que hoxe presentou a concelleira de Acción Cultural. Branca Novoneyra salientou que o programa "inclúe ofertas ben distintas para todos os públicos, con moitas actividades para os nenos e nenas, pero tamén propostas para a mocidade e o público adulto".

A concelleira de Acción Cultural lembrou que "algunhas das actividades impulsadas polo Concello para o remate do ano xa están a ser gozadas pola cidadanía, como o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, a pista de xeo da Alameda ou o belén tradicional da igrexa de San Fiz". Estes espazos están abertos dende a pasada fin de semana, "incrementando así o ambiente festivo na cidade, inaugurado co acendido da iluminación de Nadal o pasado venres".

Actividades para nenos e nenas
Branca Novoneyra incidiu en que a programación de Nadal "é o froito do traballo conxunto de diferentes concellarías do Goberno de Compostela, porque queremos apostar pola transversalidade e a cooperación á hora de deseñar un programa que debe satisfacer a todos e a todas".

A concelleira sinalou que "os nenos e nenas serán destinatarios principais da programación, como corresponde na época do Nadal". Para eles e elas haberá música, como a que traerá Pablo Díaz; títeres, como os de Cachirulo ou Alakrán; contos como os de Candido Pazó; ou propostas que mesturan o circo co teatro e a danza, a cargo de Pistacatro. Na programación para os máis pequenos haberá espazo para diferentes obradoiros, ou para a visita do Apalpador aos diferentes centros socioculturais de Compostela.

Tamén para o público infantil, celebraremos no Teatro Principal a Gala de Pallasos en Rebeldía, o día 28 de decembro. Será unha gala solidaria, organizada por Pallasos en Rebeldía, e que contará coa participación de Píscore Teatro, Circo Chosco, Paco Nogueiras ou Uxía, entre outros.

A gran cita para o público máis miúdo, segundo adiantou Branca Novoneyra, será a Festa do Apego, que se vai celebrar o 30 de decembro no Auditorio de Galicia. Será todo un día con actividades pensadas especialmente para nenos e nenas de ata seis anos, e cun cartaz no que aparecen nomes moi coñecidos dos máis pequenos, como Cé Home Orquestra, Fabaloba, Pablo Díaz ou Anxo Moure. Esta festa está organizada dende o Departamento de Lingua, e Branca Novoneyra mostrouse convencida de que "esta vai ser unha das grandes citas deste Nadal".

Mocidade e público adulto
Este ano, o Concello quixo ter máis en conta o público mozo e adulto á hora de programar as actividades do Nadal. Así, para a mocidade haberá propostas específicas, como un obradoiro de cociña coas avoas; contacontos no Centro Xove de Creación Cultural; obradoiros de scraapbroking ou de decoración de tarxetas de Nadal; ou concertos dos grupos dos locais de ensaio.

Xa para o público adulto en xeral, na programación de Nadal deste ano incluímos dende o ciclo de contacontos Aconteceu un Nadal, de Pepe Sendón, ata actuacións de circo, pasando por actuacións musicais específicas ou obradoiros de cociña ou de cantos de reis.

A maiores, volverán as actividades de Efecto Proximidade no mercado de Salgueiriños; e manteranse tradicións como a celebración da festa de fin de ano na praza do Obradoiro, a cabalgata de Reis, a carreira de San Silvestre e os concertos da Banda de Música coa Escolanía da Catedral, o 28 de decembro e o 7 de xaneiro.

Visitas guiadas
Como novidade, este ano na programación de Nadal figuran visitas guiadas a espazos como Belvís ou os museos da cidade. A concelleira de Acción Cultural explicou que "queremos adiantarnos ao Ano Europeo do Patrimonio que se celebra en 2018, e por iso organizamos visitas para coñecer os espazos patrimoniais de Compostela". Unha das rutas máis chamativas será a que nos permitirá coñecer "os elementos iconográficos relacionados co Nadal que temos en Santiago, onde mesmo contamos con epifanías específicas da nosa cidade".

Por último, Branca Novoneyra apuntou que "o Concello está a colaborar tamén con outras institucións e entidades da cidade, para termos a programación de Nadal máis completa e variada posible".

Documentos relacionados



Compartir: