NADAL

Abren o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, a pista de xeo da Alameda e o Belén de San Fiz

02/12/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitaron esta mañá tres dos puntos neurálxicos do Nadal de Compostela: o mercado de Carreira do Conde, a pista de xeo da Alameda e o Belén da igrexa de San Fiz. Os tres espazos abriron as súas portas esta mañá.

O Mercado de Carreira do Conde permanecerá instalado ata o 6 de xaneiro. Os días non festivos abrirá de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:30 horas. Os días 24 e 31 de decembro, o horario será de 11:00 a 14:30 horas, mentres que os días 25 de decembro, e 1 e 6 de xaneiro, o Mercado abrirá de 18:00 a 21:30 horas.

Este ano, o Mercado conta con 87 expositores, 22 máis que no anterior Nadal, e cunha representación moi ampla da artesanía local. Ademais, conta cun Espazo Creativo, pensado sobre todo para os máis pequenos, que tamén teñen á súa disposición unha ludoteca aberta permanentemente.

Pista de xeo
Esta mañá tamén empezou a funcionar a pista e xeo da Alameda, que estará aberta ata o 28 de xaneiro. O horario de luns a venres será de 9:00 a 14:00 só para centros escolares, mentres que, pola tarde, o recinto abrirá de 16:30 a 22:00 horas para o público en xeral. As fins de semana a pista estará dispoñible de 11:00 a 22:00 horas de maneira interrompida. Tamén haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivos, con horario de 22:00 a 2:00 horas.

Os prezos, a penas varían respecto ao anterior Nadal, cunha entrada xeral de 8 euros para unha sesión de 50 minutos. Os/as escolares pagarán 4,5 euros.

Belén de San Fiz
Por terceiro ano, neste Nadal o Concello tamén impulsou a instalación dun Belén tradicional na igrexa de San Fiz. O nacemento conta con máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, feitas a man. Nel inclúense diferentes escenas, pezas en movemento, río de auga corrente e iluminación que simula o paso do día á noite en ciclos de catro minutos. O Belén está cedido e montado por José Uzal, en colaboración con Colexio Maior de Santo Agostiño e do Arcebispado de Santiago. A súa instalación na igrexa de San Fiz está impulsada polo Concello, a través de Turismo de Santiago.

Compartir: