BENESTAR SOCIAL

A escola de Carballal convertirase o vindeiro curso nun centro de día para persoas de espectro autista

20/12/2006 A Casa do Concello acolleu a formalización da cesión do uso, por parte do municipio compostelán, da antiga escola de Carballal-Villestro á Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista da Coruña (ASPANAES), que a empregará como Centro de Día.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente de ASPANAES, Antonio de la Iglesia Soriano, fixeron efectivo en Raxoi o acto de cesión do uso da antiga escola de Carballal-Villestro. A asociación empregará este emprazamento, cedido pola institución municipal por un período de 20 anos, para a implantación dun Centro de Día. O rexedor santiagués salientou o traballo que ASPANAES ven realizando dende hai tempo e manifestou a intención do Concello de seguir colaborando de cara ao futuro. Pola súa parte, o presidente da entidade, agradeceu a cesión da escola porque "era algo que necesitabamos e que nos da unha opción de futuro" para os 10 rapaces que agora mesmo están no Centro de Día da asociación.

A citada escola sitúase no punto coñecido como Cerdeiras do lugar de Carballal, parroquia de Villestro. O terreo acotado ocupa unha extensión de 900 metros cadrados e a superficie construida é de, aproximadamente, 300 metros cadrados nunha única planta. O edificio está conformado por dúas partes simétricas e cada unha delas conta con dous porches (un dianteiro e un traseiro), un almacén, unha aula, un aseo e unha entrada de distribución. Ten capacidade para atender a 20 persoas.

En xuño de 2006 a Consellería de Educación autorizaba a desafectación da Escola de Carballal, o que supón que o Concello conta coa autorización da administración educativa competente para destinar a citada escola a outros usos ou finalidades distintas ás súas docentes orixinarias como escola de educación primaria. Foi precisamente a proposta de ASPANAES de destinar o emprazamento a centro de día a que levou ao Concello a considerar outros usos para esta escola.

A Xunta de Goberno local, considerando conveniente a utilización da citada escola para o fin proposto e entendendo de interese xeral a implantación deste centro, acordou, na sesión celebrada o 23 de outubro de 2006, o outorgamento a favor de ASPANAES do uso da mencionada escola para a posta en funcionamento dun Centro de Día para persoas con trastorno de espectro autista.

Compartir: