TURISMO

Aer Lingus comunicará directamente Santiago con Dublín dúas veces por semana

20/12/2006 A noticia, confirmada por Turismo de Santiago, converte á aeroliña irlandesa na cuarta compañía de baixo custo en apostar polo aeroporto compostelán para operar conexións directas.

A compañía irlandesa Aer Lingus vén de anunciar que operará dous voos semanais directos entre Dublín e Santiago de Compostela.

Segundo confirmou a empresa municipal Turismo de Santiago, a aeroliña comezará a voar en marzo do 2007 para comunicar a capital irlandesa co aeródromo compostelán.

Aer Lingus, que cumpre xa 70 anos operando desde Irlanda, convertirá a capital galega no seu décimo cuarto destino en España e no número 67 co que contará a compañía antes do verán do 2007.

De acordo con Enda Corneille, directora comercial de Aer Lingus, "esta nova ruta reafirma o compromiso de Aer Lingus de incrementar as rutas de baixo custo cara aos destinos máis demandados polos seus clientes irlandeses".

As tarifas para voar entre Dublín e Santiago partirán dos 19 euros máis taxas por traxecto, nunha oferta introdutoria que estará dispoñible na páxina web http://www.flyaerlingus.com.

Air Lingus súmase así á aposta das principais compañías de baixo custo polo aeródromo compostelán, abrindo un acceso directo desde Irlanda, un dos mercados considerados como prioritarios polo Plan de Marketing do aeroporto de Lavacolla.

Compartir: