CONSORCIO

O Consello de Administración do Consorcio destina máis de 82 millóns de euros para novos programas durante os próximos catro anos

19/12/2006 O Consello de Administración do Consorcio aprobou destinar máis de 82 millóns de euros para o desenvolvemento de novos programas para os próximos catro anos. Un esforzo que consolida o protagonismo do Consorcio como motor das políticas de protección patrimonial e dinamización turística cultural da capital de Galicia.

Os maiores investimentos teñen como referente a ampliación de espazos verdes e naturais; o apoio a un sistema integrado de conservación do patrimonio histórico; así como a elaboración dun ambicioso programa no aspecto turístico e cultural.
Deste xeito, nos plans de recuperación urbana destacan o conxunto de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e locais comerciais, así como a posta en marcha de novos programas de mantemento, enlousados, elementos catalogados e edificios tutelados. De especial importancia para o inmediato futuro da cidade vai ser a adquisición de 600.000 novos metros cadrados de zona verde coa expropiación das Brañas do Sar e a compra da Selva Negra no Monte Pedroso. Outras actuacións corresponden á compra e rehabilitación da Casa do Cabildo, ao acondicionamento do Xardín Botánico e reparación do Auditorio ou á compra dos 50.000 metros cadrados que rodean ao xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha. Asi mesmo, está contemplada a remodelación do edificio do antigo Banco de España como futuro Museo da Cidade e das Peregrinacións, e a construcción da sede para o Museo de Historia Natural na finca de Vista Alegre.

Non menos importantes para a cidade son os proxectos de desenvolvemento do Sistema de Información Patrimonial e Dixitalización Arquivística, o impulso do Observatorio Urbano e o programa de estudos e publicacións da Cidade Histórica.

No campo máis estrictamente cultural, o Consorcio de Santiago potenciará, asi mesmo, a actividade da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía coa renovación por outros catro anos de Ros Marbà como director; Maximino Zumalave como director asociado; e a incorporación de Paul Daniel como principal director invitado. Neste sentido cómpre lembrar tamén o apoio á dinamización dunha oferta artística e cultural de primeira orde que contemple o impulso ás novas exposicións, e os apoios xa coñecidos a ciclos coma o de Músicas Contemplativas ou programas de divulgación científico-técnica coma o de ConCiencia.

Todos estes investimentos teñen por obxecto fomentar iniciativas que vinculen as políticas de protección patrimonial da cidade histórica coas de vivenda, emprego, benestar social e protección ambiental. Este plan ven a coincidir co remate da amortización de créditos do Consorcio. O presuposto consolidado do organismo interadministrativo para o ano 2007 é de case 21 millóns de euros, dos que máis de 10 millóns son para recuperación urbana e máis de 8 millóns para programas relacionados coa dinamización turístico-cultural.

Grandes investimentos en infraestruturas

1.- AS BRAÑAS DO SAR: 13.000.000 euros
As Brañas do Sar comprende 330.000 metros cadrados entre a falda da Cidade da Cultura e o novo vial periférico, conectando os barrios de Fontiñas, Sar e Pontepedriña; a área do Multiusos co Parque Eugenio Granell. Deste xeito, e coa expropiación dos terreos aos máis de 300 propietarios, queda garantida a protección desta zona sensible para converterse no maior parque de Santiago. Un gran parque recreativo que vai combinar o mantemento do espacio natural coa introducción de usos singulares de calidade, usos deportivos extensivos ao aire libre e universitarios mixtos vinculados coas áreas que darán contido á veciña Cidade de Cultura, e que xa goza dunha nova perspectiva coa recente entrada en servicio do vial Sar-Pontepedriña.

2.- SELVA NEGRA: 4.141.760 euros
Espazo de alto valor ecolóxico na falda do Monte Pedroso. Comprende 207.088 metros cadrados situados por encima da Granxa do Xesto. A súa compra vai unir esta área recreativa coa estrada de Figueiras, o que permitirá incrementa-la superficie do Parque Forestal do Pedroso en máis de dous millóns de metros cadrados.
O Monte Pedroso é un espazo de gran valor ambiental, conectado directamente co Centro Histórico, que se trata de preservar a través da "publificación" de solos. Un espazo que permite disfrutar de abundante flora, fauna e fermosísimas paisaxes.
A actualización prevista para esta intervención concentra tódolos recursos de investimento no ano 2007.

3.- CASA DO CABILDO: 1.700.000 euros
Ainda que inicialmente foi sede do Cabildo catedralicio, desde mediados do XIX ven sendo propiedade dunha familia. Coa súa adquisición o Consorcio pretende, unha vez acondicionada, abrirla como Centro de Información e Interpretación da Cidade.
A Casa do Cabildo, de gran beleza urbana pola súa fachada ornamental, está composta por un frente construído a modo de gran pazo, ainda que no seu interior tan só conta con catro metros de profundidade. A súa finalidade foi puramente estética, adecuada para pechar a praza de Praterías e tapar os laterais que, no seu momento, amosaban as casas anexas. A súa construcción iniciouse en 1759 e rematouse en 1795. Foi construída por Clemente Fernández Sarela e a súa función foi enriquece-lo espazo da praza. Daí o seu carácter decorativo. O edificio está realizado en sillería de granito con cubertas de tella. Posee tres alturas rematadas por unha balaustrada adornada por numerosos motivos xacobeos.

4.- BANCO DE ESPAÑA: 3.060.000 euros
O antigo edificio do Banco de España, construído en 1949 polo arquitecto Romualdo de Madariaga de Céspedes, foi recentemente aberto polo Consorcio para conmemorar o 15 aniversario da Fundación do Real Patronato da Cidade coa exposición "Intramuros". Este edificio, que marca un referente estilístico para a construcción nos anos 60, albergará o Museo da Cidade e das Peregrinacións nun próximo futuro. Un proxecto propiciado polo Consorcio no que confluirán os intereses das tres administracións que forman parte do organismo. A súa xestión dependerá dun padroado no que se integrarán as referidas entidades.
Interiormente, o edificio distribúese nunha pranta semisoto destinada a cuartos de instalacións e caixas de seguridade; unha pranta baixa ou pranta noble na que se atopaban as oficinas do Banco de España; dúas prantas destinadas a vivenda; e unha pranta baixo cuberta. En total conta cunha superficie de máis de 3.300 metros cadrados.

5.- XARDIN BOTÁNICO E AUDITORIO DE GALICIA: 750.000 euros
No extremo Oeste do Campus Sur atópase o que será o futuro Xardín Botánico, cunha superficie de 100.000 metros cadrados, recorridos polo río Sarela, e que corresponde a 148 parcelas privadas. O Consorcio de Santiago aprobou o día 3 de decembro de 1998 a adquisición dos terreos do Xardín Botánico e acordou solicita-lo Concello o inicio dos trámites para a xestión da adquisición dos devanditos terreos. A intervención consiste en destinar 250.000 euros no ano 2007 para contribuir ao acondicionamento, por parte da Universidade de Santiago do solo cedido para este fin.
Outra intervención consiste en executar previsións de reparación do Auditorio de Galicia, derivadas do seu plan director. O orzamento destinado para este fin é de 500.000 euros.

6.- CASTELO DE A ROCHA: 612.000 euros
Nas inmediacións do Castelo de A Rocha vai adquirirse e acondicionarse 50.000 metros cadrados de terreo co obxecto de garantir calquera achádego patrimonial, protexendo non só a posible aparición de novos vestixios históricos e arqueolóxicos senón tamén o perímetro da fortaleza medieval como espazo público.
Si se cumpren as previsións, os traballos do equipo de investigación poderían rematarse sobre o ano 2014, xa que se avanza a un ritmo de 200 metros cadrados por ano. Son oito anos de traballo nos que se abordarían aspectos como a musealización ou a apertura dos xacementos ao turismo. Hai que ter en conta que o Castelo de A Rocha pentenceu a Mitra compostelana, construído a mediados do século XIII na época do arzobispo Juan Arias, e destruído despois polos irmandiños no ano 1466.

7.- MUSEO DE Hª NATURAL: 1.800.000 euros
Dentro dos novos equipamentos culturais destaca a construcción do edificio que albergará os fondos do Museo de Historia Natural na finca Simeón. O proxecto de construcción será acometido por un arquitecto de prestixio e a súa xestión corresponderá a propia Universidade. Actualmente permanece aberto na Facultade de Química. Este Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" constitúe o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia. Este centro é continuador do Gabinete de Historia Natural, creado por Antonio Casares na Universidade de Compostela durante o curso 1840-41. Todo este patrimonio fixo do Museo de Historia Natural un escaparate do mundo natural, en xeral, e da ciencia galega en particular. A través das súas coleccións podemos facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos dos séculos XIX e XX.

8.- REPARACIÓN DE EDIFICIOS PROPIOS: 600.000 euros
O Consorcio de Santiago dispón dun gran patrimonio de inmobles concedidos á empresas (Palacio de Congresos) ou cedidos a institucións públicas (Pavillón Multiusos de Sar, Casa de Europa, Centro de Estudos Avanzados, Pavillón deportivo de xoan XXIII, Pavillón-Residencia de San Lázaro). Deste xeito, e independentemente das obrigas de mantemento ordinario que estas empresas teñen en relación cos inmobles, o Consorcio estableceu un plan propio de reparación de edificios cedidos que asegure a adecuada funcionalidade dos mesmos.
Os recursos destinados para este fin distribuense a partes iguais nas catro anualidades comprendidas entre o 2007 e o 2010.

Máis de 13.000.000 de euros para rehabilitación e conservación do patrimonio

As axudas á rehabilitación que existen na cidade histórica son enormemente importantes en si mesmas pero, sobre todo, son importantes como parte dun sistema integrado de conservación do patrimonio histórico, como parte dun sistema máis global de conservación da zona antiga. Esto é o que, tanto o Consorcio de Santiago como o propio Concello están tratando de levar adiante coa posta en marcha dos novos programas aprobados. En paralelo a política de rehabilitación de vivendas, que require de importantes esforzos orzamentarios, o Consorcio está a intervir de maneira destacada nos espazos públicos (sistema viario e infraestructuras xerais, parques, prazas, iluminación e señalización), así como no ámbito de protección de monumentos, retábulos e outros bens mobles de relevancia monumental.

Deste xeito, dentro da programación plurianual aprobada polo Consello de Administración do Consorcio de Santiago, destaca a consolidación do sistema público de axudas para a conservación da cidade histórica. Así, as axudas en vivenda amplíanse co desenvolvemento de novos programas como os de Tutelados, Mantemento de Edificacións ou restauración de Elementos Catalogados. Outras axudas céntranse no mantemento de espazos públicos, concluindo intervencións de programas en marcha e consolidando outros más novidosos como o Obradoiro de Enlousados.

Neste sentido, a distribución do gasto en rehabilitación e conservación do patrimonio é a máis importante trala destinada ás grandes intervencións en infraestructura para os próximos catro anos. En total, máis de 13.000.000 euros para o desenvolvemento da programación plurianual 2007-2010 que se distribúen nas seguintes partidas: 4.600.000 euros para a rehabilitación e mantemento de vivendas e locais comerciais; 4 millóns de euros para restauración de monumentos e a conservación de pavimentos; 1.200.000 euros para a restauración de bens mobles e 500.000 euros en intervencións en espazos públicos, ademais de 2.750.000 euros en intervencións no sistema viario.
Todo este conxunto de recursos aplicados conforman a base do sistema público de conservación da cidade histórica que é o obxectivo central desta programación.

2.000.000 de euros para o sistema de información

Este proxecto comprende o establecimento dun sistema de información patrimonial sobre a cidade de Santiago na súa primeira fase de execución. Entre os requisitos básicos para a súa funcionalidade destacan a búsqueda de datos e documentos asociados a cada elemento do patrimonio histórico e a información temporal sobre os elementos do patrimonio histórico con cortes históricos sobre o pasado da cidade e a súa evolución.
Este sistema de Información Patrimonial ofrecerá apoio aos técnicos do Consorcio na xestión de proxectos de intervención sobre elementos do patrimonio histórico, ás labores de investigación e á difusión da información do patrimonio.
O orzamento completo do proxecto nas súas tres fases de execución é de 1.886.675 euros.

200.000 euros anuais para o Premio Internacional de Cooperación Urbana

O Consello de Administración do Consorcio de Santiago aprobou a concesión do Premio Internacional de Cooperación Urbana, de acordo coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e aberta á participación da "Cooperación Galega". O premio está dotado con 200.000 euros anuais e ten por obxecto apoiar os proxectos de renovación urbana previstos nas cidades históricas iberoamericanas.
Asi mesmo, a finalidade que se persegue é establecer unha acción de cooperación ó desenvolvemento, pero tamén ao feito de contribuir á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana e de difusión da imaxe de Santiago de Compostela no ámbito iberoamericano.

Compartir: