IGUALDADE

O Concello de Santiago clama por unha sociedade sen violencias machistas

24/11/2017 O Teatro Principal acolleu este venres o acto central polo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dentro da campaña Compostela en negro. No acto participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Marta Lois; a escritora Rosa Aneiros, varios membros da Corporación e algúns institutos de Compostela.

O alcalde de Santiago quixo agradecer a presenza dos institutos da cidade "nun acto compartido con vós, que sodes o futuro do país e os que estades chamados a cambiar as cousas". Martiño Noriega sinalou que, co obxectivo de "visibilizar todo tipo de violencias sobre as mulleres, impulsamos hai tres anos Compostela en negro, para berrar todas xuntas e para concienciar dun problema que cómpre resolver entre todas educando á sociedade no feminismo. E por iso Compostela en negro non é xa unha campaña do Concello, senón que pasou a ser da veciñanza".

Manifesto
A escritora Rosa Aneiros foi a encargada de dar lectura a un manifesto institucional asinado por todos os grupos políticos de Raxoi e aprobado no pasado Pleno. No texto recóllense os datos oficiais de violencia machista, con 44 mulleres asasinadas no que vai de ano no Estado, unha delas en Galicia.

A Corporación pide no manifesto que "a loita contra este tipo de violencias sexa unha prioridade institucional e política para as administracións de todos os niveis de goberno", ao mesmo tempo que amosa o compromiso do Concello de "seguir tendo a violencia de xénero como unha das máximas prioridades da axenda política, seguir incrementando os recursos municipais e continuar desenvolvendo medidas de concienciación, prevención e educación".

Proxección
No acto proxectouse un vídeo titulado "Experimento social en negro contra as violencias", de Uqui Permuy e Valentín Carrera, no que se contou co colectivo vigués Comando Igualdade. O spot reflectía unha situación de ciumes e control por parte dun mozo sobre a súa parella para concienciar da importancia de detectar estas actitudes a tempo.

A cerimonia continuou con varias actuacións a cargo de catro institutos da cidade. Os alumnos e alumnas do IES Arcebispo Xelmirez I interpretaron un rap composto por eles mesmos/as e titulado "Os mitos non son feitos nin realidades". Pola súa banda, os rapaces e rapazas do IES Lamas de Abade e do IES Arcebispo Xelmírez II deron lectura a dous textos sobre a discriminación sufrida polas mulleres en varios eidos da vida. Por último, foi a vez do IES Rosalía de Castro, que levou a cabo unha performance deseñada para a ocasión.

O acto rematou cunha actuación do equipo feminino de roller derby As Brigantias. Consistiu na entrada no escenario portando unha tea en forma de triángulo branco, logo da campaña En negro contra as violencias, acompañadas polo alumnado que participou no acto para formar a imaxe do lema da iniciativa.

O deporte en negro
O equipo coruñés estará tamén mañá sábado, a partir das 16:00 horas, no pavillón municipal de Lamas de Abade realizando un adestramento aberto para toda a comunidade galega de roller derby. O obxectivo é promover unha xornada de convivencia na que compartir valores e sensibilizar sobre a loita contras as violencias machistas e a prol dos dereitos das mulleres. Xa ás 18:00 horas realizarase un scrimmage ou partidiño temático de roller derby.

Ambas actividades serán en aberto e gratuítas para todas aquelas persoas que se acheguen ata o pavillón e desexen coñecer o deporte, informarse, apoiar ou simplemente compartir a tarde coa comunidade derby galega, en negro, contras as violencias.

Tamén esta noite, o Santiago Futsal se tingue de negro no seu partido contra o Jaén Paraíso Interior. O encontro será de balde para persoas abonadas, mais tamén para mulleres. Serán en Santa Isabel a partir das 20:45 horas.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: