CONSORCIO

A nova Biblioteca Infantil do Consorcio mergulla aos pequenos no atractivo monumental e fantástico de Santiago

19/12/2006 Coeditados polo Consorcio e a editorial Sotelo Blanco, os primeiros contos para nenos están ilustrados por Andrés Meixide sobre textos de Xosé Antonio Perozo e X.A. Rivadulla Corcón.

A Biblioteca Infantil do Consorcio de Santiago vén a sumarse ás distintas coleccións editadas pola entidade desde o ano 1993 e que están integradas na Biblioteca Facsimilar, Biblioteca Científica Compostelana, Biblioteca de Divulgación Xacobea, Biblioteca Literaria Compostelana e Biblioteca de Imaxes.

O obxecto desta nova Biblioteca Infantil e Xuvenil é a difusión de Santiago entre os máis pequenos. Para isto conta coa colaboración de recoñecidas editoriais galegas, autores e ilustradores que achegarán coas novas entregas ao atractivo monumental e fantástico de Santiago de Compostela.

Os primeiros dous títulos están coeditados con Sotelo Blanco. Unha colección para a que se creou un personaxe: o cabalo "Branco de Cores" que ten unha cola que irá cambiando de cor en cada conto. "Branco de Cores" vén a ser un dos cabalos da Fonte das Praterías que só pode falar cunha amiga, Sara, que a súa vez é a única que pode falar con él e velo. Sara e "Branco de Cores" percorren Santiago en cada conto cunha nova aventura.

A través destes libros, de fermosa factura, o Consorcio de Santiago pretende que os lectores máis pequenos coñezan a súa cidade, os seus personaxes, a súa historia, que a coiden e a sintan como unha cidade única no mundo.

Xósé Antonio Perozo
Naceu en Llerena, Extremadura, no ano 1951. Reside en Galicia desde os anos setenta e distinguiuse pola súa militancia no uso do galego e o seu labor a prol da cultura galega na prensa. Traballou en diversos medios de comunicación e foi director da Área de Cultura da TVG, director literario de Ir Indo e director da Enciclopedia Galega Universal.

Deseñou e dirixiu a promoción de "Compostela 93", do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España e de Compostela Cidade Europea da Cultura do 2000, o que o convirte nun profundo divulgador da cidade de Santiago.
Como escritor ten publicados unha trintena de títulos que abranguen desde obras de teatro (Tal vez Francisco de Zurbarán), pasando por novelas infantís (O enigma de Embívicus, Contos máxicos, Aquellos días malditos), libros de divulgación (Quen é quen no primeiro Parlamento Galego, Celso Emilio Ferreiro, compañeiro de vento e de estrelas, Compostela, Patrimonio de la Humanidad), e narrativa para adultos (Bailables, La furia del Carnero; Martázul, Premio Blanco Amor, 2001; Caderno de Riparia, Premio de Novelas por entregas de la Voz de Galicia 2003) e Espérame (2006).

X.H. Rivadulla Corcón
Naceu no barrio coruñés de Monte Alto no 1962, froito da emigración interior de Galiza, pois a súa familia é da vila de Muxía, o que motivou que a súa infancia e xuventude transcorrera a cabalo entre o barrio de Monte Alto e Muxía. Profesionalmente traballa no mundo audiovisual e no teatro. A primeira estrea do Centro Dramático Galego é da súa autoría, no ano 1985, tratábase do espectáculo "Festa rachada" que foi estreado en coprodución polo C.D.G. e a Compañía Titirití e dirixido por Cesar Lombera. Máis tarde estreou os espectáculos "Praia na noite" (2002) dirixido por Antonio Simón. "O soño de Ulises" (2002) e "O inxenioso cabalo Rocinante da mancha" (2004) dirixidos ambos por Juan Carlos Tirado, "Furga Garabela" (2001) e "Salitre" (2003) ambas dirixidas por el mesmo.

No terreo audiovisual traballou como xefe de produción da Área da Cultura de TVG, entre 1987 e 89. Como guionista traballou para diversas produtora privadas como "Corazón Negro", Sincro Porducións", "C.A.I. Producions", "Productora Faro" "Lúa Films", "Non Si P. C.", "Vía Láctea filmes", "CTV", "Editorial Compostela" e "Manivela Producións".

Tamén traballou en radio como guionista e locutor, nas emisoras: Radiocadena, Antena 3, Radio Nacional de España e Radio Galega.

Ten publicado artigos nos xornais: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego. Formou parte da Comisión xestora fundadora da Academia Galega do Audiovisual é na actualidade é Presidente da Asociación Galega de Guionistas, cargo que desempeña dende 1999.

Durante o período de 1999 ao 2005, traballou como profesor de produción cinematográfica, produción teatral e guión audiovisual, na "E.I.S. O Raio Verde". A día de hoxe traballa como Director de Desenvolvemento de Proxectos da produtora "Lúa Films".

Como escritor ten publicado literatura infantil e xuvenil, novela, teatro e poesía e ensaio sobre temas audiovisuais. Sendo a poesía o xénero que el considera como o seu natural, traballando sempre os demais xéneros dende propostas e conceptos poéticos.

Andrés Meixide
Naceu en Vigo no ano 1970. Desde moi novo dedicouse ao mundo da ilustración, debuxando para diversas editoriais galegas.

Ten colaborado con publicacións como Tempos, Cielo Negro ou BD Banda. Traballou regularmente na revista Golfiño guionizando e deseñando a serie Tom. Na súa faceta de deseñador, é o responsábel das campañas publicitarias de centros comerciais en toda Galicia.

Gañou o Primeiro Premio no Salón do Cómic de Vigo coa obra Abrir Vigo ao mar. Foi o autor do deseño do cartel do Entroido Vigo 2001. Segundo premio no XI Concurso Galego de Banda Deseñada Xuventude 95 por O asasino chamábase Roger. Segundo Premio no XII Concurso Galego de BD (1996) por A dous centímetros.

Compartir: