ACCIÓN CULTURAL

"Pororoca", de Constantin Popescu, estrea en Cineuropa

20/11/2017 Será o Teatro Principal de Santiago de Compostela o lugar escollido para a estrea galega de Pororoca, o novo filme de Constantin Popescu, programado para este martes ás 19:45 horas. Segundo José Luis Losa, director de Cineuropa, esta película "marca territorio dende a planificación desa soberbia secuencia de arranque, nun parque: seguimos a un pai e á súa filla. Asistimos a esa perda en diferido nun estado de tensión máxima porque Popescu sabe como xerar inquietude, incerteza, como prepararanos para a poutada. O que segue é unha lección de cinema con chiscadelas a M, o vampiro de Dusseldorf e un premio de interpretación para o seu actor no Festival de San Sebastián".

Despois do filme romanés, ás 22:30 horas, tamén no Teatro Principal, pasarase novamente Cuori Puri (Corazón Puro), o filme de Roberto de Paolis polo que Selene Caramazza acadou o premio á mellor actriz no Festival de Sevilla, e que mereceu o One Future Prize na pasada edición do Festival de Cine de Múnic.

Live from Dhaka, de Abdullah Mohammad Saad, será a outra gran estrea do día. A película, centrada na historia dun home atrapado nunha relación obsesiva, as débedas e as responsabilidades familiares, cuxa única esperanza é a oportunidade de emigrar que semella esvaecerse, foi unha sorpresa no Festival de Róterdam. Live from Dhaka comezará ás 18:15 h no Salón Teatro. Na mesma sala, poderemos aproveitar a oportunidade de asistir a un novo pase de Visages, Villages (Caras e lugares), da incombustible Agnès Varda e JR (ás 20:00 h) á que o público de Cineuropa outorgou unha valoración de 8,28; e Zama, o notorio filme de Lucrecia Martel (ás 21:45 h).

A sala Numax acollerá á tarde varias citas interesantes, entre elas dous encontros con directores. En primeiro lugar, ás 19:15 h, Pedro Pinho presentará Um fim do mundo, unha obra de ficción sobre a transición da nenez á idade adulta dun grupo de adolescentes lisboetas que o cineasta dirixiu en 2013. De seguido, ás 20:45 h, dará comezo Adiós entusiasmo, filme do arxentino Vladimir Durán que tamén contará con coloquio do director. Adiós entusiasmo mereceu o premio á mellor longametraxe na Competencia de Vangarda e Xénero no BAFICI 2017.

Direcciones relacionadas



Compartir: