POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase ao Día Mundial da Infancia con diversas actividades para centros escolares

17/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou este venres as actividades que levará adiante o Concello con motivo do Día Mundial da Infancia. Xunto a Concha Fernández estiveron Marta Andrade, de Unicef Galicia, e Alejandro Quiñoá, da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACP). Un dos actos principais será a celebración este luns 20 de novembro, ás 11:00 horas, no Pazo de Raxoi, dun pleno infantil.

"Neste pleno participará alumnado do CEIP As Fontiñas e do CEIP Pío XII, que falarán sobre todo de dereitos e medio ambiente", indicou Concha Fernández, quen recordou que con esta actividade, ademais de concienciar sobre os problemas do medio ambiente en relación coa infancia, tamén se crea cidadanía, "porque así os nenos e nenas participan nun pleno e poden coñecer as institucións, e eles e elas poden ser os concelleiros e concelleiras do futuro".

En relación tamén a esta temática, realizaranse diversos obradoiros creativos, un dos cales se centrará na creación dun vídeo sobre dereitos da infancia relacionados coa protección medioambiental. O traballo estará producido e promovido pola Asemblea de Cooperación pola Paz.

Ademais, haberá unha actividade de sensibilización sobre dereitos da infancia impartida pola Cruz Vermella. Por último, realizarase coa Tropa Verde o obradoiro "Recicla, reutiliza e xoga", para a recuperación de xoguetes abandonados. Está dirixido a nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria e realizarase no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). Todos estes obradoiros impartiranse ata final de mes.

Dereitos e medio ambiente
Os carteis anunciadores do Día Mundial da Infancia deste ano, como o anterior, levan impresos os dereitos dos nenos e nenas. A este respecto, Marta Andrade, de Unicef Galicia, agradeceu a colaboración do Concello e subliñou que, aínda sendo unha parte fundamental o pleno onde participarán os nenos e nenas para coñecer a Declaración Universal dos Dereitos da Infancia, "este ano quixemos que desen un paso máis e reflexionen sobre como os seus dereitos están moi relacionados co medio ambiente e co cambio climático".

Explicou que o obxectivo é que os nenos e nenas son o noso futuro sexan partícipes nos problemas do medio ambiente para que, chegado o momento, sexan quen de darlle unha resposta a temas coma o cambio climático. "Queremos que primeiro debatan nas súas aulas sobre a relación dos seus dereitos e o medio ambiente, e despois que pasen á acción para ver como eles e elas poden propor un futuro mellor e trasladen as súas ideas aos gobernantes a nivel municipal", indicou Marta Andrade. Realizarán un caderno de emisión que logo se xuntará no documento "Mil e un proxectos para o Planeta", no que participarán 12 rapaces e rapazas de cada centro educativo.

Alejandro Quiñoá, da Asemblea de Cooperación pola Paz, destacou o traballo en rede como unha das claves dos obradoiros. "Nós temos unhas actividades máis ou menos diferenciadas, pero arredor dunha temática e cos centros educativos, pois hai que poñer en valor as entidades do terceiro sector", explicou. Ademais, agradeceu a colaboración do Concello para "crear actividades que nos inflúen a nivel planetario, pois se pensabamos que eran problemas que afectaban a países pobres do sur, a realidade móstranos que tamén afectan a países ricos". Como exemplo puxo a seca que afronta agora Galicia ou o risco de desastres como eventos climatolóxicos. "Queremos reflexionar nos obradoiros sobre o impacto que está tendo o cambio climático sobre os dereitos da infancia, como son o dereito á saúde, á alimentación ou a vivir nun ambiente san".

Os vídeos e actividades audiovisuais, como apuntou Quiñoá, realizaranse aproveitando "aproveitando as TIC, como smartphones, redes Sociais, etc., elementos que a xente máis nova manexa moi ben".

Compartir: