ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa premia a Leonardo Sbaraglia

14/11/2017 Cineuropa ten hoxe como protagonista indiscutible a Leonardo Sabaraglia. O festival distingue a prolífica traxectoria dun intérprete que, con máis de 50 longametraxes ás súas costas, se atopa nunha etapa de admirable madurez interpretativa.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega recibiu o actor esta mañá na Casa do Concello e conduciu unha rolda de prensa na que tamén interviñeron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director do festival, José Luis Losa, e o propio actor. Logo de agradecer as palabras de benvida e recoñecemento dos participantes na rolda, Sbaraglia mostrouse emocionado por ter sido seleccionado para recibir o galardón e louvou a traxectoria do festival compostelán e a paixón polo cinema do equipo responsable do mesmo.

Leonardo Sbaraglia estará esta tarde no Teatro Principal para presentar o filme No te olvides de mí (2016), de Fernanda Ramondo, e participará nun encontro co público. Xa na tardiña, ás 20:00 h e na mesma sede, será o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega, o encargado de entregarlle o Premio Cineuropa. A seguir, proxectarase El otro hermano (2007), de Israel Adrián Caetano, filme polo que o intérprete recibiu o premio ao mellor actor no Festival de Málaga deste 2017. A entrada á cerimonia e á proxección é gratuíta previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

A tarde de cine complétase coa proxección en Numax de dúas propostas protagonizadas por mulleres fortes en mundos pouco propicios para o empoderamento feminino. Trátase de Matria, de Álvaro Gago, e O tempo futuro, de Xoan Escudero. A primeira, ás 17:30 h, é unha historia sobre o falso mito do matriarcado galego que vén de gañar o premio á mellor curta española na Seminci de Valladolid. A segunda, un documental sobre Bárbara Iglesias, a primeira piloto de bobsleigh a nivel estatal, acadou o premio do público á mellor longametraxe galega no festival Primavera do Cine de Vigo. Ambos os dous directores parolarán cos asistentes sobre os seus traballos.

Interesante será tamén a presentación de Vigo 1972 (19:00 h no Teatro Principal) a cargo do seu director, Roi Cagiao. O documental narra a folga de case trinta mil traballadores vigueses que puxo á cidade olívica no foco informativo a nivel internacional en plena ditadura franquista.

Por último, non debemos esquecer a estrea de Cuori puori (Corazón puro), que vén a Cineuropa co premio á mellor actriz do Festival de Cine de Sevilla baixo o brazo. A estrea galega terá lugar ás 22:30 horas no Salón Teatro. Á mesma hora, pero no Teatro Principal, pasarase por vez primeira o novo de Claire Denis, Un beau soleil intérieur (Un sol interior), unha historia amor e humor protagonizada por Juliette Binoche.

Previsións do mércores, 15 de novembro
Mañá mércores, na novena xornada do festival, poderemos asistir tamén ás estreas do novo de Michael Haneke, Valeska Grisebach, Serge Bozon ou João Moreira Salles. O filme Western, de Valeska Grisebach, a primeira estrea do día (Teatro Principal ás 17:45 h), foi seleccionada polos mellores festivais e vén de acadar o Gran Premio do Xurado no Festival de Cine de Sevilla. Trátase, segundo José Luis Losa, "dunha obra de natureza indomable". A continuación, ás 20:00 h, no mesmo Teatro, comezará Happy end, o agardado retorno de Michael Haneke e a primeira das dúas películas da xornada protagonizadas pola gran Isabelle Huppert. O filme, un retrato dunha familia burguesa coa escuridade hannekiana habitual, acaba de ser nomeado aos European Film Awards. Ás 22.15 h rematará a programación do Principal coa estrea de Madame Hyde, de Serge Bozon, unha aceda comedia coa que Huppert acadou o premio á mellor actriz no Festival de Locarno. A axenda de novidades da xornada complétase no Salón Teatro ás 22.30 h coa estrea de No intenso agora, de João Moreira Salles, un documental de corte histórico, á vez que nostálxico, familiar e de marcado ritmo, que constitúe un dos mellores filmes do ano.

Ademais, o mércores déixanos unha nova oportunidade para ver 120 battements par minute, de Robin Campillo, Gran premio do xurado e FIPRESCI en Cannes, que acaba de recibir tamén o nomeamento aos European Film Awards; e Comrade, where are you today?, de Kirsi Marie Liimatainen, un documental na liña revolucionaria desta edición que está a recibir moi boa acollida entre o público do festival (7,58).

Tamén terá lugar mañá o último pase de Alba, de Ana Cristina Barragán, filme ao que espectadoras/es do festival outorgaron un 7,75 no pase anterior. Trátase dun fermoso relato de iniciación que emana autenticidade e que foi premiado en Rotterdam e San Sebastián.

Ao longo da xornada, poderase asistir a outras proxeccións de filmes pertencentes ás diferentes seccións que compoñen a 31ª edición do festival.

Direcciones relacionadas



Compartir: