TURISMO

O Plan Estratéxico de Turismo 2017-2022 inclúe unha enquisa aberta á participación cidadá

13/11/2017 As persoas residentes en Santiago interesadas en colaborar na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Santiago poden xa cubrir unha enquisa dispoñible na páxina web do Concello. A enquisa é unha das principais ferramentas deseñadas para recoller as múltiples opinións que hai na cidade sobre a situación do sector e o seu futuro.

As persoas residentes en Santiago interesadas en colaborar na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Santiago poden xa cubrir unha enquisa dispoñible na páxina web do Concello. A enquisa é unha das principais ferramentas deseñadas para recoller as múltiples opinións que hai na cidade sobre a situación do sector e o seu futuro.

A enquisa, que se poderá cubrir ata o vindeiro día 20 de novembro, distingue entre catro públicos cunha mirada distinta respecto do fenómeno turístico en Santiago: Cidadanía, sector do Aloxamento, sector da Restauración e sector do Comercio. Deste xeito, o obxectivo é recoller o máximo de opinións individuais para poder obter unha mirada colectiva sobre o turismo na cidade.

A enquisa complementa outras ferramentas de recollida de información, nas que destacan dúas: a organización de seis mesas de traballo sobre temáticas específicas nas que participarán diferentes expertos coñecedores do sector e da cidade e unha ducia de entrevistas en profundidade a personalidades destacadas de diferentes ámbitos que poden aportar os seus coñecementos e experiencias. En conxunto, na elaboración do Plan estratéxico participarán máis de 60 expertos.

Valora Consultores foi a empresa que obtivo a maior puntuación total no concurso aberto para a prestación do servizo, ao que se presentaron correctamente nove licitadores. Valora Consultores obtivo unha puntuación total de 84 puntos sobre un máximo de 100, sumando tanto as valoracións técnicas como as económicas.

No ano 2003 elaborouse o primeiro Plan Estratéxico de Turismo de Santiago, que estivo en vigor ata o 2008. No ano 2009 realizouse unha actualización deste plan estratéxico, definida para o período 2009-2015. O novo Plan Estratéxico definirá os principais obxectivos e estratexias no ámbito turístico ata o ano 2022.

Dende Turismo de Santiago fíxase a validez deste novo Plan Estratéxico ata o ano 2022, porque se concibe como unha ferramenta para transformar o modelo turístico da cidade, adaptándoo aos tempos. O Plan ten que ter en conta o Ano Santo 2021, pero ten que transcendelo porque o sector turístico non pode funcionar só pendente dos anos santos, senón que ten que desenvolver un modelo sostible no tempo e rendible para o conxunto da cidadanía.

Compartir: